Inicio Carballo ao día Hemeroteca Todas as praias carballesas mantiveron durante os...

Todas as praias carballesas mantiveron durante os meses de verán a cualificación de “excelente” nas análises da auga

A Consellería de Sanidade e o Concello de Carballo fixeron 11 analíticas en Razo e Arnados e 7 en Pedra do Sal, As Saíñas e Ría de Baldaio entre principios de xuño e finais de agosto

Mércores 6 de setembro do 2017 Carballo ao día

A calidade das augas litorais no noso concello foi excelente en todas as zonas de baño e durante todo o verán, segundo os resultados das análises realizadas tanto polo Concello de Carballo como pola Consellería de Sanidade. En Razo e Arnados fixéronse 11 analíticas, e en Pedra do Sal, As Saíñas e Ría de Baldaio, 7. En todas elas a presenza de escherichia coli e enterococo intestinal é practicamente inexistente e está moi lonxe dos niveis permitidos tanto no Real Decreto 1341/2007, sobre xestión da calidade das augas de baño, como na Directiva 2006/7/CE da Unión Europea.

Os controis realízanse nas cinco zonas de baño nas que está dividido o litoral carballés. En Arnados, onde se teñen detectado problemas moi puntuais de elevada presenza desas dúas bacterias, o Concello de Carballo realizou catro analíticas os días 12 de xuño, 28 de xuño, 20 de xullo e 17 de agosto; mentres que a Consellería de Sanidade fíxoas os días 6 de xuño, 18 de xuño, 28 de xuño, 11 de xullo, 30 de xullo, 9 de agosto e 27 de agosto, e en todas elas tanto os niveis de escherichia coli como os de enterococo intestinal estaban moi lonxe dos parámetros establecidos para que a calidade das augas poida ser cualificada como excelente.

Nos documentos adxuntos poden consultarse tanto os resultados das analíticas en todas as zonas de baño como o Real Decreto 1341/2007 e na Directiva 2006/7/CE, nos que se establecen as clasificacións e os niveis de contaminación permitidos en cada unha das categorías. Sen embargo, a clasificación das zonas de baño de cada temporada realízase en función dos resultados obtidos nunha serie de 16 analíticas realizadas na temporada anterior, e de aí que en Arnados se mantivera este verán a cualificación de insuficiente aínda que xa non existan problemas de contaminación.

Ligazóns

Descargas

Compartir: