Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo incrementa un 25% as...

O Concello de Carballo incrementa un 25% as prazas do programa Xantar na Casa

Xa son 50 as persoas que se benefician do servizo de comida a domicilio tras a ampliación xestionada pola Concellaría de Igualdade e Benestar coa Xunta

Martes 19 de setembro do 2017 Carballo ao día

O programa Xantar na Casa ten, desde este mes, un total de 50 persoas usuarias no noso concello. O censo de beneficiarios/as incrementouse un 25% grazas ás xestións realizadas pola Concellaría de Igualdade e Benestar, que no mes de xuño tramitou a solicitude de ampliación co Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. A concelleira Maica Ures destaca a importancia de seguir mellorando e estendendo as prestacións para as persoas maiores que precisan máis coidados, polo que desde o seu departamento tamén se realizará unha solicitude de ampliación das horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes.

O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada ás necesidades das persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión social que carecen da autonomía persoal necesaria para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra e/ou a elaboración de menús. O servizo está xestionado polo Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar en colaboración co Concello de Carballo a través dun convenio que, en definitiva, permite mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, manténdoas no seu contorno comunitario e evitando a institucionalización, ao tempo que ofrece un respiro ás familias coidadoras. O prezo de cada menú é de 6,27 euros, dos que a persoa beneficiaria debe facer unha achega de 1,67.

As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Igualdade e Benestar, no edificio de Servizos Sociais (xunto ao centro de saúde).

Compartir: