Aforos de tráfico, enquisas, prospeccións de aparcamento e itinerarios en vehículo flotante determinarán como nos movemos en Carballo
Ampla participación da cidadanía na primeira xornada de traballo a pé de rúa por parte da empresa que elabora a estratexia de xestión do espazo público urbano
Mércores 27 de setembro do 2017 Carballo ao día
Un dos puntos de estudo estableceuse na rúa Martín Herrera
A esta hora continúan os traballos a pé de rúa por parte da empresa que está a elaborar a estratexia de mellora e xestión do espazo urbano, un documento importante porque nos vai permitir coñecer en detalle como nos movemos e que actuacións precisamos acometer para que a mobilidade sexa mellor para todos os usuarios da vía pública.
Unha parte importante do tráfico é o aparcamento, e por iso tamén se están realizando prospeccións nas áreas gratuítas habilitadas polo Concello de Carballo para coñecer o nivel de ocupación en cada momento do día
A UTE Tema Ingeniería-IPlan Movilidad, que conta coa colaboración da Policía Local, estableceu 7 puntos de aforado que nos permitirán coñecer o tipo de vehículos que circulan pola nosa vila, a cantidade ou a velocidade á que circulan; en definitiva, cal é o comportamento dos condutores cando circulan polo casco urbano. En cinco deses puntos tamén se realizan enquisas moi breves aos automobilistas, para coñecer, fundamentalmente, o punto de orixe e o de destino. A maiores establecéronse outras tres zonas de enquisas a peóns e ciclistas, aínda que estes últimos escasearon durante a xornada de hoxe.
Unha parte importante do tráfico é o aparcamento, e por iso tamén se están realizando prospeccións nas áreas gratuítas habilitadas polo Concello de Carballo para coñecer o nivel de ocupación en cada momento do día. E, por último, a empresa estableceu unha serie de itinerarios en vehículo flotante, que consisten en conducir seguindo o tráfico, mantendo a velocidade da circulación, e medir o tempo que se tarda en realizar un percorrido determinado en ámbolos dous sentidos en distintos momentos da xornada.
O persoal que está a realizar todo este traballo, que continuará mañá pola mañá para coñecer o comportamento do tráfico nun día de mercado, destacan a gran colaboración que están a obter por parte da cidadanía e os numerosos datos que os carballeses e as carballesas están a achegar para o estudo.