Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato para a elaboración do...

Asinado o contrato para a elaboración do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo

O documento abordará a ordenación integral dun ámbito de máis de 300.000 metros cadrados

Luns 23 de outubro do 2017 Carballo ao día

Na sinatura do contrato estiveron Evencio Ferrero, Milagros Lantes e representantes da empresa

Na sinatura do contrato estiveron Evencio Ferrero, Milagros Lantes e representantes da empresa

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que entrou en vigor o ano pasado, a ordenación dos dous principais núcleos costeiros -Arnados e Pedra do Sal- quedou supeditada á elaboración posterior de cadanseu plan especial. O Concello de Carballo deu hoxe un paso máis de cara ese obxectivo coa sinatura do contrato coa empresa Abadeus Arquitectura, por 96.800 euros. No acto estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e varios representantes da empresa adxudicataria.

O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Neste sentido, o estudo servirá para delimitar as áreas susceptibles de acoller, por exemplo, aparcamentos, actividades deportivas, instalacións turísticas compatibles ou accesos ás praias. O obxectivo do Concello de Carballo é que de forma simultánea se realice tamén un estudo de detalle da fachada litoral de Arnados.

O proceso de elaboración do plan especial é complexo, tanto polo exhaustivo do seu contido como pola propia tramitación administrativa. O procedemento será semellante ao de elaboración do PXOM, xa que require informe de avaliación ambiental, informes sectoriais das Administracións competentes, aprobación inicial, período de exposición e alegacións, etc... Os procesos de participación e información pública terán especial importancia.



Galería

Compartir: