Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de...

A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de contratación de obras por case un millón de euros

A maior parte do investimento vai destinado á mellora das infraestruturas viarias e de saneamento na zona rural

Luns 23 de outubro do 2017 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe os expedientes de contratación de tres proxectos de obras nos que se realizará un investimento de 934.558,67 euros.

O Piñeiro será un dos lugares con saneamento a curto prazo

O Piñeiro será un dos lugares con saneamento a curto prazo

A maior parte corresponde co aglomerado de vías estruturantes nas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldunde (336.767,72 euros) e coa rede de saneamento dos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, todos eles na parroquia de Entrecruces, por 254.009,10. A terceira actuación realizarase no casco urbano, dentro do plan municipal de mellora da seguridade viaria nas contornas escolares. Ao mesmo tempo que se está a traballar na zona do CEIP Xesús San Luís Romero, este novo proxecto permitirá mellorar a mobilidade no ámbito do CEIP A Cristina cun investimento de 343.781,85 euros.

Convenio con Telefónica

Na reunión de hoxe a Xunta de Goberno Local tamén aprobou un convenio de colaboración con Telefónica que permitirá o despregue dunha rede de fibra óptica no casco urbano. Mediante este acordo, o Concello de Carballo pon a disposición da compañía as canalizacións xa existentes, e Telefónica comprométese a seguir implantando a rede nas novas zonas que se vaian urbanizando así como á retirada de cables naquelas zonas onde xa non sexan precisos.

IES Monte Neme

IES Monte Neme

Así mesmo, o goberno carballés deu luz verde a varias licenzas de obras, entre elas a solicitada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a ampliación e reforma do IES Monte Neme. O proxecto acada os 573.583,15 euros de investimento.

Adquisición de terreos no Bosque

A Xunta de Goberno Local tamén autorizou hoxe a adquisición de dúas parcelas no ámbito do sistema de espazos libres SX-EL1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se corresponde co Bosque. Estas dúas primeiras fincas teñen unhas superficies de 5.388 e 4.876 metros cadrados, e pagaranse a 5,98 euros o metro.

Compartir: