Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo recibe a medio centenar de...

Carballo recibe a medio centenar de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain no 23º aniversario do irmandamento

A expedición francesa, encabezada por tres concelleiras e a presidenta do comité, foi recibida no salón de plenos

Martes 24 de outubro do 2017 Carballo ao día

Medio centenar de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain están a gozar duns días de estancia entre nós moi intensos. Chegaron o luns pola tarde e tanto para hoxe como para os vindeiros días teñen preparado un programa de actividades moi completo. A Coruña, Malpica, Corme, Laxe, Santiago, Noia e Muros son as principais localidades que visitarán ao longo da semana, pero o centro da actividade está en Carballo, onde non so conviven con familias do noso concello, senón que tamén participan en diferentes actividades. O xoves será o día carballés por excelencia, con visita guiada polos murais de Derrubando Muros con Pintura, paseo e compras polo mercado, microfestival de teatro no Pazo da Cultura e festa de despedida, xa que o venres pola mañá partirán da Praza do Concello rumbo a terras galas.

A expedición, que está encabezada por tres concelleiras e a presidenta do comité de irmandamento francés, foi recibida pasada as 18.30 horas do luns no salón de plenos. O alcalde, Evencio Ferrero, e representantes dos grupos municipais do BNG e o PP acompañaron aos veciños e veciñas do pobo irmán nun acto marcado nuns casos pola emoción do reencontro entre familias que xa de coñecen de intercambios anteriores e noutros pola novidade, xa que para moitos e moitas dos participantes é a súa primeira estancia no noso concello.

A delegación francesa aproveitou o acto para facer un convite á cidadanía de Carballo a participar o vindeiro ano na festa occitana Escolta e Minja, que coincidirá cos últimos días do San Xoán, e desexou longa vida ao irmandamento. Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a hospitalidade da veciñanza carballesa, un dos aspectos que fan que Carballo sexa un bo lugar para vivir.

O acto rematou cun intercambio de agasallos, unha interpretación musical cunha gaita occitana e a foto de familia nas escaleiras da Casa do Concello.



Galería

Compartir: