Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reduce case á metade o gasto en...

O Concello reduce case á metade o gasto en combustible nas instalacións deportivas municipais grazas á biomasa

O aforro supera os 70.000 euros ao ano despois da instalación das caldeiras de biomasa en dous complexos deportivos municipais

Martes 24 de outubro do 2017 Carballo ao día

As medidas de aforro enerxético implementadas polo Concello de Carballo están a reducir sensiblemente o gasto público. Do mesmo xeito que a substitución das antigas lámpadas de vapor de sodio por tecnoloxía LED no alumeado diminuíu un 82% o consumo, a instalación de dúas caldeiras de biomasa nos complexos deportivos municipais supón un aforro próximo ao 50% en comparación coa media de consumo dos cinco anos anteriores. Pero entre unha e outra hai unha diferenza substancial: mentres a redución do consumo das luminarias non se reflicte na factura debido ao constante e desproporcionado incremento das tarifas eléctricas, nas instalacións deportivas o aforro ao cambiar o gas pola biomasa pode cuantificarse en máis de 70.000 euros anuais, en comparación á media dos cinco anos anteriores á implantación da biomasa.

A caldeira do complexo Vila de Noia entrou en servizo a finais do 2015 e a do complexo Carballo Calero empezou a funcionar a mediados do 2016. Con esa perspectiva atopámonos que o consumo de combustible dos dous complexos deportivos con biomasa será semellante ao que consumía anteriormente un só con gas.

O goberno municipal considera moi positivos os datos, que se confirman cun aforro de case o 40% dende que se instalou a caldeira de pellets no edificio da Casa do Concello. Pero aínda que a redución da factura enerxética é moi importante, a aposta por este tipo de sistemas é unha mostra do compromiso do Concello de Carballo coas fontes de enerxía renovables e ecolóxicas, e que ademais, como é o casos dos  pellets, constitúen unha forma de aproveitar a biomasa, contribuíndo a sacar maior rendemento dos nosos montes ao tempo que os mantemos limpos.

Compartir: