Inicio Carballo ao día Hemeroteca Persoal técnico e usuarios dos Servizos...

Persoal técnico e usuarios dos Servizos Sociais participan nun programa formativo para actuar contra a pobreza enerxética

A Escola de Enerxía da Fundación Gas Natural Fenosa realiza en Carballo talleres dirixidos a distintos colectivos

Mércores 25 de outubro do 2017 Carballo ao día

A Concellería de Igualdade e Benestar e a Fundación Gas Natural Fenosa están a desenvolver en Carballo, dentro do proxecto da Escola de Enerxía, unha campaña de información que ten como obxectivo contribuír á loita contra a pobreza enerxética.

Despois dunha primeira sesión na que participou persoal técnico do departamento que dirixe Maica Ures, para este venres 27 está programada no Fórum Carballo unha nova xornada á que asistirán neste caso usuarios e usuarias dos Servizos Sociais municipais. Para as vindeiras semanas están previstas outros tres talleres dirixidos a distintos colectivos.

A Escola de Enerxía é unha iniciativa da Fundación Gas Natural Fenosa para dar soporte ás entidades que traballan contra a pobreza enerxética para que poidan asesorar ás persoas afectadas con consellos prácticos que lles permitan reducir a súa factura eléctrica. Neste sentido, a formación céntrase tanto na propia factura como na situación da vivenda e os hábitos de consumo, tratando de ver, en cada caso particular, como se pode aforrar. Así mesmo, ofrécese información sobre o bono social e outras axudas ás que poidan optar as persoas en situación de pobreza enerxética.

Compartir: