Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada a licenza para as obras de...

Aprobada a licenza para as obras de ampliación e reforma do IES Monte Neme

O proxecto da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inclúe a construción dun volume independente para o Ciclo de Administración e Xestión

Mércores 25 de outubro do 2017 Carballo ao día

O novo edificio construirase nesta parcela

O novo edificio construirase nesta parcela

A Xunta de Goberno Local aprobou a licenza das obras de reforma e ampliación do IES Monte Neme, que teñen un orzamento de licitación de 825.902,38 euros e un prazo de execución de oito meses, polo que se prevé que estean listas para o inicio do curso 2018-19. O proxecto está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e trata de dar resposta ao incremento a matrícula, que desde o curso 2009-2010 aumentou un 40%, segundo os datos da propia consellería.

O IES Monte Neme está formado na actualidade por catro edificacións dentro dunha parcela de 14.869 metros cadrados. Tres dos edificios (destinados a ESO, Bacharelato e ciclos) sitúanse en forma de U en torno a un patio central, e o cuarto é o pavillón deportivo, no que o Concello de Carballo vén de instalar un novo pavimento para optimizar o seu uso dentro e fóra do horario lectivo.

O Concello de Carballo instalou novo pavimento no pavillón para optimizar o seu uso dentro e fóra do horario lectivo

O Concello de Carballo instalou novo pavimento no pavillón para optimizar o seu uso dentro e fóra do horario lectivo

Co novo proxecto preténdese, por unha banda, construír un novo volume independente de 606,90 metros cadrados de superficie (503 útiles) no que se aloxará o Ciclo de Administración e Xestión. Este novo edificio contará con 4 aulas, aseos, salas de profesores e espazos de servizos. Así mesmo, no actual bloque 1, que alberga ESO e Bacharelato, realizarase unha reforma para ampliar a biblioteca, crear unha nova aula de música, habilitar un taller de tecnoloxía e un aula de plástica. E no bloque 3 procederase á impermeabilización da cuberta e á creación dun taller de fontanería.

Compartir: