Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xornada integramente carballesa para os...

Xornada integramente carballesa para os veciños e veciñas de L’Isle Jourdain que mañá regresarán a Francia

Compras no mercado, ruta guiada polos murais de Derrubando Muros con Pintura e teatro foron algunhas das actividades da última xornada

Xoves 26 de outubro do 2017 Carballo ao día

Comezou xa a conta atrás para o centenar de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain que están a gozar duns días de estancia entre nós. Foron poucos días, pero moi intensos, con excursións ás cidades da Coruña e Santiago e a vilas costeiras como Malpica ou Muros.

Pero a de hoxe foi unha xornada integramente carballesa. Comezou a primeira hora na Praza do Concello, onde visitantes e familias de acollida compartiron unha mañá de mercado. Ás 10 interrompérona para desprazarse ata o Fórum Carballo, onde comezou a ruta guiada polos murais do proxecto Derrubando Muros con Pintura, pero antes do xantar aínda tiveron tempo para realizar as últimas compras. Pola tarde, o comité de irmandamento carballés tíñalles preparado un festival de microteatro no Pazo da Cultura, onde tamén se celebrou unha animada festa de despedida antes da partida de mañá rumbo a Francia.

A expedición gala está encabezada por tres concelleiras e pola presidenta do comité de irmandamento francés, Marie Delpeyroux, que traballou coa súa homóloga carballesa, Ana Cancela, na organización da visita. O vindeiro ano tocará devolver a viaxe. De feito, as representantes do Concello de L’Isle Jourdain xa realizaron un convite á veciñanza para participar na festa occitana Escolta e Minja, que coincidirá cos últimos días do San Xoán

O irmandamento entre Carballo e L’Isle Jourdain cumpre xa 23 anos. Precisamente o vindeiro 11 de novembro celebrarase o aniversario cunha cea-baile no restaurante San Lorenzo de Berdillo.

Compartir: