Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo volve a estar representado no Congreso...

Carballo volve a estar representado no Congreso Cidades que Camiñan, que celebra a súa quinta edición en Irún

A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto municipal Alfredo Garrote comparten experiencias con concellos de toda a península

Xoves 26 de outubro do 2017 Carballo ao día

A visita técnica realizouse hoxe pola tarde

A visita técnica realizouse hoxe pola tarde

A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto municipal Alfredo Garrote participan hoxe e mañá no quinto Congreso Cidades que Camiñan, que se celebra en Irún (Guipúzcoa). O programa é moi intenso, xa que os dous representantes do Concello de Carballo, viaxaron pola mañá e durante a tarde-noite, tras unha recepción na Casa do Concello, participaron na visita técnica organizada polos anfitrións co lema “Recuperación do centro da cidade para as persoas”, coa cal correspóndese a imaxe.

O Congreso Cidades que Camiñan, organizado pola Rede de Cidades que Camiñan, é o principal evento da Península Ibérica especializado en mobilidade peonil, e reúne a técnicos, responsables políticos e cidadanía para debater sobre seguridade viaria, accesibilidade universal e medio ambiente.

Carballo é un dos 29 concellos da península que integran a Rede de Cidades que Camiñan, o segundo de Galicia despois de Pontevedra e o primeiro da provincia da Coruña. A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, representa ao noso concello na xunta directiva da entidade, dende a cal se están a difundir iniciativas coma o pedibús ou o metrominuto, nas que a capital de Bergantiños é pioneira na Costa da Morte, e que se suman a unha estratexia transversal deseñada polo goberno municipal coas achegas das diferentes concellerías para fomentar a mobilidade peonil.

Programa de mañá

O congreso de Irún, como nos celebrados anteriormente, permitirá aos representantes do Concello de Carballo reforzar ese traballo en rede. A xornada de mañá estenderase desde as 09.00 ata as 18.00 horas. O programa inclúe intervencións sobre aspectos concretos como a relación entre mobilidade, xénero e vida cotiá; actuacións para calmar o tráfico, accesibilidade e seguridade ou participación veciñal. A Rede de Cidades que Camiñan presentará o manual “Cidades pensadas para camiñar”, o alcalde de Pontevedra exporá o seu modelo de cidade, e tamén se darán a coñecer as boas prácticas en mobilidade sostible dos concellos de Rentería, Ponferrada, Villanueva de la Serena e Loulé.

Ligazóns

Compartir: