Inicio Carballo ao día Hemeroteca A persistente seca obriga a manter o...

A persistente seca obriga a manter o abastecemento dunha trintena de depósitos veciñais a través de Protección Civil

A extensión da rede de auga ás parroquias de Razo e Oza será o principal investimento hidráulico do vindeiro ano, con 1.700.000 euros de orzamento

Mércores 8 de novembro do 2017 Carballo ao día

Río Bardoso

Río Bardoso

Protección Civil leva case tres meses enchendo de auga os depósitos de familias e comunidades de veciños de todo o municipio. A seca persiste, e neste momento non só segue realizándose este tipo de abastecemento nunha trintena de lugares, senón que xorden novas peticións porque as fontes continúan secando. Hoxe mesmo a Concellería de Obras e Servizos, que coordina os traballos, atendeu a solicitude dunha familia da parroquia de Sísamo. O goberno municipal non quere que ningún veciño quede sen subministro, e insiste en que se comunique ao Concello calquera incidencia deste tipo para poder atendela mentres a situación non muda.

Entre os afectados hai tanto vivendas unifamiliares como usuarios de traídas veciñais. A máis numerosa é a de Imende (Noicela). Pero Protección Civil tamén leva auga a edificios públicos como a escola de Artes ou o CEIP Nétoma-Razo. Precisamente, o abastecemento á costa é unha prioridade para a corporación municipal, que acordou incluír a traída ás parroquias de Razo e Oza na segunda anualidade do canon da auga. De feito, nos orzamentos do 2018 figurará unha partida de 1.700.000 euros para facer fronte a esa necesidade.

Case 1,5 millóns de m3 ao ano

No noso concello consumíronse o ano pasado 1.408.195 metros cúbicos de auga a través das traídas do casco urbano e dos lugares das parroquias que contan co servizo público. Carballo abastécese na actualidade con dúas captacións, una situada no río Anllóns e outra no Bardoso, que aporta nestes momentos a maior parte da auga que precisamos. O investimento realizado no proxecto Anllóns-Bardoso, que superou os 4 millóns de euros, permite garantir o subministro pero tamén o caudal ecolóxico dos nosos ríos.

Lavadoiro da rúa do Pan

Lavadoiro da rúa do Pan

Conservas Calvo é o principal consumidor de auga, como é lóxico pola actividade que desenvolve, con 220.061 metros cúbicos no ano 2016. O consumo municipal foi de 68.388 metros cúbicos, con 11 puntos principais que se corresponden coas piscinas, colexios, fontes e regos. Por iso unha das medidas implantadas pola Concellaría de Obras e Servizos para reducir o gasto de auga e crear conciencia sobre a necesidade de preservar os recursos hídricos, foi o peche das fontes ornamentais ou a redución dos baldeos. Pero as accións de aforro promovidas polo Concello de Carballo non son novas. Unha das máis representativas foi o peche do lavadoiro da rúa do Pan, que agora só funciona un día e unhas horas á semana. Cando estaba aberto as 24 horas o consumo era elevadísimo. En setembro do ano 2012, por exemplo, foi de 3.671 metros cúbicos no trimestre, mentres que na lectura de setembro deste ano foi de 151 metros cúbicos tamén no trimestre.

Para resolver deficiencias no funcionamento das redes e anticiparse a posibles problemas de subministro, o Concello de Carballo tamén ten en marcha nestes momentos a contratación dunha serie de melloras urxentes, entre elas o peche de malla na avenida dos Abetos e nas rúas Río Tambre, Río Ulla, Río Mandeo e Concordia, o reforzo da presión en Xoane, a substitución da condución de fibrocemento no polígono de Bértoa, a substitución de válvulas inoperativas en varias rúas do casco urbano e a renovación da rede na rúa Vila de Corcubión.

Compartir: