Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada co apoio do PSOE a proposta de...

Aprobada co apoio do PSOE a proposta de investimento presentada polo goberno para os dous millóns do POS+

O Plan Único da Deputación da Coruña foi o tema central do último pleno do ano

Martes 19 de decembro do 2017 Carballo ao día

O Plan Único da Deputación da Coruña foi o asunto central do último pleno do ano en Carballo. A proposta do BNG para distribuír os 2.082.701,73 euros que lle corresponden ao noso concello contou co apoio do PSOE, mentres que PP e TeGa abstivéronse por considerar, entre outros argumentos, que hai actuacións máis urxentes. 

Na zona rural seguirase avanzando no plan de aglomerado de vías estruturantes, en concreto as de Mirón á estrada de Razo (126.759,76€), de Bolón ao CEIP Gándara-Sofán (103.881,34€), da Ponte de Bértoa ao Moucho de Berdillo (216.334,75€) e do Igrexario de Lema á Vixía (241.939€), ademais do soterramento do cableado da contorna da igrexa de Santa María de Rus (44.541,31€), peticións formuladas na súa maioría polos consellos parroquiais. Ademais, e con cargo ao plan complementario levaranse a cabo obras de saneamento nas parroquias de Lema, Oza, Razo e Rebordelos, e tamén o saneamento e o abastecemento de auga a Figueiroa e O Outeiro, na parroquia de Sísamo, por un total de 471.180,39€.

No casco urbano inclúense a reurbanización da rúa Barcelona e do treito da Luis Calvo que vai desde o cruce ata a rotonda (422.907,44€), así como a rehabilitación do Museo de Bergantiños (229.900€). 

O resto dos asuntos eran practicamente de trámite, entre eles un expediente de depuración de dereitos de cobro e pagos pendentes desde o ano 1993 coa finalidade de poñer a cero a contabilidade municipal para a implantación, o vindeiro ano, do novo programa de xestión; o pago de catro facturas pendentes, por un importe total de 497,26 euros, que apareceron como consecuencia da revisión da contabilidade; a solicitude para que se cubra a praza vacante tras a xubilación da tesoureira municipal ou a aprobación da solicitude de compatibilidade presentada por un profesor do Conservatorio Profesional de Música.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse polo mantemento dos edificios públicos, o gasto social e o alumeado festivo. TeGa pediu a convocatoria da Xunta Local de Seguridade e preguntou por varios contratos, entre eles o de alumeado; a rotonda que figuraba no proxecto do Chorís ou o mural do buzo.        

Compartir: