Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación Íntegro inicia en...

A Asociación Íntegro inicia en Carballo a súa campaña anual de prevención das lesións medulares

Despois da presentación da iniciativa na Casa do Concello, membros da entidade ofreceron a primeira charla no IES Alfredo Brañas

Xoves 21 de decembro do 2017 Carballo ao día

“Levamos 25 anos intentando que os rapaces se conciencien para que diminúan as lesións medulares”, asegura Adolfo López Baña, presidente da Asociación Íntegro. E, aínda que nunca se saberá, é probable que o feito de que hoxe en día se produzan menos lesións por accidentes de tráfico ou nas praias teña bastante que ver co labor que vén desenvolvendo a entidade. “Se en todos estes anos evitamos un só caso xa pagou a pena”, sinala López Baña.

Hoxe estivo en Carballo presentando, xunto a David Pombo e Teresa Fuentes Alvarellos, que tamén son lesionad@s medulares, e á educadora social Tania Bartucca, a nova campaña de prevención da lesión medular, que arranca xa de cara ao ano 2018 polo noso municipio. O presidente de Íntegro agradeceu a colaboración do Concello, que estivo representado pola concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen agradeceu o “traballo extraordinario” que desenvolve a asociación e animou aos seus representantes a que “non vos cansedes”.

Adolfo López lembrou os inicios da campaña e explicou como se desenvolve agora. En todos os centros participantes proxéctase un vídeo elaborado especificamente, e a partir do cal se dá pé a un coloquio “no que nos preguntan de todo.

Íntegro está traballando tamén na organización de charlas para persoas maiores, porque fronte ao descenso das lesións medulares na xente nova detéctase un aumento entre as persoas de idade, sobre todo por caídas fortuítas

Nestes momentos, Íntegro está traballando tamén na organización de charlas para persoas maiores, porque fronte ao descenso das lesións medulares na xente nova detéctase un aumento entre as persoas de idade, sobre todo por caídas fortuítas. “Cremos que desde a Consellería de Sanidade deberían facer campañas específicas, porque se para unha persoa moza xa é difícil superalo, para unha persoa maior moito máis”, declarou.

A concelleira de Benestar insistiu na importancia da información, pero tamén de que as discapacidades que pode provocar unha lesión medular se vexan con normalidade dentro da sociedade, e nese sentido cualificou aos membros de Íntegro como “un exemplo”. Evencio Ferrero apuntou, así mesmo, que ao mesmo tempo que se traballa na prevención é preciso avanzar na consecución de “sociedades inclusivas, porque todas e todos podemos aportar moito desde a diversidade”. O alcalde falou tamén de barreiras físicas, e manifestou que, aínda que queda moito por facer nun sentido e noutro, “moitas cousas van mellorando grazas ao esforzo colectivo que fan entidades como Íntegro”.

Despois da presentación da campaña na Casa do Concello, os tres membros de Íntegro desprazáronse ata o IES Alfredo Brañas para ofrecer a primeira charla da nova temporada da campaña de prevención. Á volta das vacacións de Nadal fixaranse as datas para os IES Monte Neme e Isidro Parga Pondal.

Compartir: