Inicio Carballo ao día Hemeroteca Vinte establecementos do casco urbano participan...

Vinte establecementos do casco urbano participan no concurso de escaparatismo de Nadal

O xurado reunirase o día 26, despois de visitar todos os comercios, para decidir os gañadores

Venres 22 de decembro do 2017 Carballo ao día

Un dos escaparates participantes

Un dos escaparates participantes

Vinte establecementos participan este ano no concurso de escaparatismo de Nadal convocado pola Concellaría de Promoción Económica. Miriñaque, O armario de Pati, Floristería Taibo, Mar de Encuentros, Amai Store, Poppy, Floristería Tropicana, Ferretería Ángel Rama, Muebles Luis, Bambalina, Vinos Submarino, Colore Cosmética, Zocas, Anim-Art, A fragua de Mo, Adamela, A nosa horta, Km Vertical, Mmmm Xeados e Atelier son locais situados en distintos barrios urbanos que teñen un plus engadido durante as festas, e que optan, ademais, a premios en metálico de 800, 600, 400 e 200 euros.

Con esta iniciativa, a Concellaría de Promoción Económica pretende recompensar a implicación e o esforzo do sector na mellora da imaxe comercial. Nese sentido, o xurado - integrado por dous representantes do Concello de Carballo, un do CCA, outro de Axober, outro da asociación do Barrio da Milagrosa e outro do colectivo artístico Crea Formas- valorará especialmente a calidade artística, a composición, a iluminación, a utilización de elementos tradicionais do Nadal, a orixinalidade, o uso do galego e a dedicación.

Cada un dos membros do xurado está a percorrer estes días os establecementos e o martes 26 reuniranse tod@s para emitir o seu veredicto. O público tamén pode contemplar os escaparates polo menos ata o día 25, tanto de día como pola noite, xa que deben estar iluminados ata as 22 horas como mínimo.

Compartir: