Inicio Carballo ao día Hemeroteca O plan de ordenación e protección...

O plan de ordenación e protección do núcleo de Pedra do Sal bota a andar tras a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria

O estudo Monteoliva Arquitectura SLP disporá de 25 meses de prazo para elaborar o documento

Venres 9 de febreiro do 2018 Carballo ao día

O Concello de Carballo xa ten en marcha os procesos de elaboración dos dous plans especiais para a costa previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O equipo técnico que se encarga da ordenación do ámbito de Arnados xa leva algúns meses traballando, e a partir de hoxe tamén empezarán os labores na zona de Pedra do Sal. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato para a elaboración do documento coa empresa  Monteoliva Arquitectura SLP, que resultou adxudicataria no procedemento público convocado a tal efecto. No acto tamén estivo presente a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes.

O Concello de Carballo investirá 89.540 euros na elaboración do plan especial de Pedra do Sal. A maiores, e sen custe para as arcas públicas, a adxudicataria comprométese a achegar ortografía dixital, xeo-referenciada, con bases de replanteo permanente; 10 infografías desde distintos puntos de vista, documentos de xestión urbanística e anteproxecto de urbanización.

O prazo máximo para a redacción do plan especial será de 25 meses, o mesmo que para o que xa se está levando a cabo na zona de Arnados-Razo. A empresa terá dous meses, a partir da sinatura do contrato, para presentar un borrador do plan e documento inicial estratéxico, a partir do cal se desenvolverá o traballo, para o cal terase en conta a participación veciñal.

Compartir: