Inicio Carballo ao día Hemeroteca Escollemos o 14 de febreiro para rachar cos mitos...

Escollemos o 14 de febreiro para rachar cos mitos do amor romántico que fomentan a desigualdade entre homes e mulleres

A Biblioteca Rego da Balsa, que foi escenario este mércores da performance “O amor non sempre triunfa”, acollerá en marzo as segundas Xornadas Guerrilleiras

Mércores 14 de febreiro do 2018 Carballo ao día

Os mitos sobre o amor romántico, a omnipotencia do amor ou a media laranxa crean relacións de desigualdade entre homes e mulleres que, en moitos casos, son a antesala da violencia de xénero. Desde o Centro de Información ás Mulleres (CIM) quérese rachar con eses mitos, e por iso a elección do 14 de febreiro para poñer en escena a performance O amor non sempre triunfa non foi casual.

No primeiro andar da Biblioteca Rego da Balsa, un grupo de alumnas e alumnos de Maxisterio da USC representaron catro situacións nas que, efectivamente, o amor non triunfou, senón que xerou esas situacións de desigualdade e de violencia que desembocaron na morte das protagonistas. Como decorado utilizaron recortes de prensa relacionados coa violencia de xénero e carteis feitos a man co número de teléfono 016, de atención ás vítimas de maltrato.

Despois da performance abriuse un coloquio entre o público -integrado na súa maioría por mulleres, entre elas a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures-  e o profesor de Socioloxía da USC Jorge García Marín, experto en temas de xénero. A charla animouse ata o punto de que se prolongou ata case as 21.00 horas.

A Biblioteca Rego da Balsa será escenario en marzo das segundas Xornadas Guerrilleiras, un compendio de actividades que se levarán a cabo arredor do Día da Muller e que están orientadas a resaltar a figura da muller na cultura, a ciencia e o progreso da sociedade, así como a dar cabida a artistas, creadoras e pensadoras do ámbito local e a crear un debate na sociedade como paso imprescindible para progresar en materia de igualdade.

Compartir: