Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aprobará este mes o proxecto da...

O pleno aprobará este mes o proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo para a súa contratación pola Deputación

O organismo provincial financiará os 818.662,08 euros que custará a execución da obra e o Concello de Carballo asumirá, unha vez realizada, a titularidade da vía

Venres 23 de febreiro do 2018 Carballo ao día

A primeira fase terá continuidade, nesta segunda, ata a rúa Nacente

A primeira fase terá continuidade, nesta segunda, ata a rúa Nacente

Un dos numerosos asuntos que abordará a corporación municipal no pleno ordinario de febreiro (e que poden consultarse na convocatoria adxunta) é o proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo, entre os quilómetros 0,290 e 0,802, ou, o que é o mesmo, desde o remate da primeira fase na intersección coa rúa Papoulas ata pasar a rúa Nacente, pola que se accede ao IES Monte Neme. É o treito máis urbano da vía e levará o mesmo tratamento que a primeira fase, con plataforma única e, sobre todo, coa renovación de todos os servizos urbanísticos.

De feito, tal como figura no proxecto que se presentará na sesión ordinaria do luns, a rede de saneamento é de formigón e está “en mal estado de conservación”, non hai rede de augas pluviais e a de abastecemento de auga é de fibrocemento “con constantes avarías por flutuación de presións”. O alumeado público está formado por luminarias nas fachadas, polas que tamén discorren as redes telefónica e eléctrica, e só hai instalado un tramo de fibra óptica. En canto á superficie, a calzada ten un ancho aproximado de 6 metros, os aparcamentos teñen 2 metros de ancho e as beirarrúas teñen unha media de 1,40.

QUE PROPÓN O PROXECTO?

O cambio será radical. Haberá novo alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada, novas canalizacións de telefonía e cable onde non existe, rede separativa de augas pluviais e residuais e tamén unha moderna rede de abastecemento que evitará as avarías. En superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida.

O prazo de execución é de 12 meses e o obxectivo é que a obra contribúa ao desenvolvemento urbano nese ámbito tendo en conta as condicións de accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e mobilidade sostible e segura.

A terceira fase completará a vía ata o lugar do Outeiro

A terceira fase completará a vía ata o lugar do Outeiro

O orzamento acada os 818.662,08 euros, que serán financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. Nese sentido, o alcalde expresou o agradecemento do goberno municipal a institución provincial e, en concreto, a José Manuel Pequeño, Valentín González Formoso e Xosé Regueira, “tres persoas que tiveron un protagonismo importantísimo para resolver este problema”. De feito, Evencio Ferrero lembrou que a mellora da travesía de Sísamo é un obxectivo que xa se marcaron os anteriores alcaldes e que non puido facerse realidade ata agora.

A Deputación tamén se encargará da contratación da obra, mentres que o Concello de Carballo comprométese a xestionar os terreos precisos para a súa execución e a asumir a titularidade da vía unha vez urbanizada. Evencio Ferrero anunciou tamén que xa se está a traballar no proxecto da terceira fase, que completará a vía ata o lugar do Outeiro.

Descargas

Compartir: