Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo convértese nun exemplo dentro e...

Carballo convértese nun exemplo dentro e fóra de Galicia grazas a apostas como a compostaxe ou o horto infantil

Luis Lamas expuxo onte a experiencia de compostaxe en Valladolid e hoxe asesoramos ao Concello de Allariz para poñer en marcha o seu horto

Venres 23 de febreiro do 2018 Carballo ao día

Luis Lamas, durante a súa intervención en Valladolid

Luis Lamas, durante a súa intervención en Valladolid

O Concello de Carballo está a converterse nun modelo a imitar dentro e fóra de Galicia grazas á aposta que vimos realizando nos últimos anos por proxectos relacionados co medio ambiente e a promoción do medio rural.

Por unha banda, e despois da participación na xornada técnica organizada pola Fundación Humana en Oviedo o pasado mes de novembro, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, participou onte nunha xornada sobre economía circular en Valladolid, nesta ocasión promovida pola Xunta de Castela e León a través da Fundación Patrimonio Natural. Luis Lamas expuxo a dobre experiencia de vermicompostaxe e compostaxe doméstica que ten en marcha o noso concello, e que mesmo ten acadado o recoñecemento de Sogama.

O coordinador do Horto, con técnicos do Concello de Allariz

O coordinador do Horto, con técnicos do Concello de Allariz

O caso de Carballo, pioneiro en Galicia, está a espertar moito interese nos foros, cada vez más amplos, que apostan pola economía circular. Directamente relacionado está o Horto Infantil Ecolóxico Municipal, no que tamén estamos a poñer en práctica os procesos de compostaxe e vermicompostaxe coa colaboración das comunidades educativas. O noso horto é outra actividade de referencia, como demostra a presenza en Allariz, hoxe mesmo, do coordinador da actividade e do técnico asesor de Medio Ambiente do Concello de Carballo, que están a asesorar ao concello ourensán na posta en marcha da súa propia experiencia de horto escolar.

Compartir: