Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de...

ADXUDICADA A 2ª FASE DA REURBANIZACIÓN DA CONTORNA DO CEIP XESÚS SAN LUÍS ROMERO

A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de contratación de obras en barrios e parroquias por case 790.000 euros

Os proxectos permitirán mellorar a accesibilidade na rúa Laracha, reurbanizar varias rúas na zona de Pedra Furada, cubrir o Parque do Anllóns e arranxar camiños

Luns 26 de febreiro do 2018 Carballo ao día

O Parque do Anllóns será o primeiro do concello con cuberta

O Parque do Anllóns será o primeiro do concello con cuberta

A Xunta de Goberno Local iniciou na súa sesión ordinaria de hoxe o procedemento de contratación de obras en distintos barrios urbanos por un importe total de 699.229,08 euros, así como dun proxecto de arranxo de camiños rurais que acada os 89.105,39 euros de investimento. En total, 788.334,47 euros que servirán para seguir mellorando infraestruturas e servizos para a veciñanza.

Entre as actuacións que se acometerán no casco urbano destaca a cuberta do Parque do Anllóns, que se converterá na primeira instalación deste tipo no noso concello e na comarca. O proxecto, que conta cun orzamento de 148.843,15 euros, inclúe a reorganización das zonas de xogos, polo que será preciso substituír parte dos pavimentos para adaptalos aos novos usos. Os xogos distribuiranse en dúas zonas nas que se instalarán cubertas sustentadas cunha estrutura formada por perfís de aceiro en cor vermella, a modo de marquesiñas cubertas con paneis de policarbonato de distintas cores para protexer da choiva aos nenos e nenas pero permitindo o paso da luz. Aproveitando a reorganización do espazo crearase tamén unha zona de reunión na que se garantirá a sombra coa plantación de árbores de ribeira.

Evencio Ferrero, Belén Lendoiro e Luis Lamas, vendo as necesidades da rúa Laracha

Evencio Ferrero, Belén Lendoiro e Luis Lamas, vendo as necesidades da rúa Laracha

A cuberta do Parque do Anllóns financiarase con cargo ao PAS Adicional, ao igual que a mellorar da accesibilidade nas beirarrúas a rúa Laracha, que ten 133 metros de lonxitude, desde a Vázquez de Parga ata a rúa Muíño. A obra inclúe a renovación de todos os servizos. Así, cambiaranse as canalizacións da rede de abastecemento de auga, que agora son de fibrocemento; instalarase rede separativa de pluviais e residuais, que non existe, e completarase a canalización de gas. O proxecto, que ten un orzamento de 123.029,17 euros, inclúe ademais a formación de beirarrúas nas dúas marxes da rúa e a reposición do pavimento afectado polas instalacións. Así mesmo, pintaranse as prazas de aparcamento e a vía e colocaranse sinais de tráfico novos.

As outras intervencións urbanas desenvolveranse na zona de Pedra Furada para acometer unha serie de actuacións illadas previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). As obras serán financiadas con cargo ao POS + Adicional.

Na zona de Pedra Furada procederase á reurbanización de varias rúas

Na zona de Pedra Furada procederase á reurbanización de varias rúas

Por unha banda está prevista a reurbanización das rúas situadas entre Alcalde Peinador e Alcalde Bolón, por unha banda, e entre Alcalde Bolón e Alcalde Monteagudo, por outra. Son vías nas que practicamente non existe ningún servizo e mesmo están sen pavimentar. O proxecto inclúe a instalación de redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, enerxía eléctrica, alumeado, gas, telefonía e cable non só nesas rúas que aínda non teñen nome, senón tamén nas da contorna: Alcalde Peinador, Alcalde Bolón, Alcalde Monteagudo e Mirtos. En canto á actuación en superficie crearanse nestas novas rúas beirarrúas a ámbolos lados, aparcamentos e carrís de circulación. Tamén se colocarán papeleiras e contedores e plantaranse árbores de crecemento lento. Nas outras catro reporase a capa de rodadura despois da instalación das infraestruturas precisas.

Nese mesmo ámbito acometerase a reurbanización da rúa Cándido González Tiradas. O proxecto divídese en dúas fases. A primeira, que ten un orzamento de 110.711,30 euros, desenvolverase nunha superficie de 630 metros cadrados, concretamente entre o cruce coa rúa Antonio Vázquez Mouzo e a Alcalde Monteagudo. A segunda custará 121.470,28 euros, e desenvolverase entre Antonio Vázquez Mouzo e Rodríguez Sesmeros, cunha superficie de 943 metros cadrados. O obxectivo, como no caso anterior, é dotar a rúa de todos os servizos urbanísticos, dos que agora carece, e proceder á pavimentación da zona de circulación e á construción de beirarrúas. O proxecto complétase co pintado das zonas de aparcamento e os carrís, a colocación de papeleiras e a plantación de árbores e crecemento lento.

Hoxe, por outro lado, tamén se iniciou o procedemento de contratación das obras de mellora de camiños municipais incluídas na subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O investimento acada os 89.105,39 euros.

Adxudicación

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se procedeu á adxudicación da segunda fase das obras de reurbanización da zona do CEIP Xesús San Luís Romero. As obras, incluídas no POS + 2017, serán executadas pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 205.700 euros.

Por outra banda, o goberno municipal aprobou a creación dun ficheiro público de datos de gravación de imaxes da Biblioteca Rego da Balsa, dúas reclamacións por daños causados nun semáforo e un bolardo, vaos, licenzas, facturas e varias solicitudes de subvención.

Compartir: