Inicio Carballo ao día Hemeroteca Representantes do Consello Parroquial de Artes,...

Representantes do Consello Parroquial de Artes, do Concello e de Afaber avalían as posibilidades de uso da reitoral

O presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños agradeceu o xesto da veciñanza, aínda que nas condicións actuais a proposta non sería viable

Martes 27 de febreiro do 2018 Carballo ao día

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños aceptou a oferta realizada polo Consello Parroquial de Artes na súa última xuntanza para estudar a posibilidade de converter a antiga reitoral nun centro de día para doentes de alzhéimer. Como primeiro paso, onte realizouse unha visita ao edificio na que participaron o presidente de Afaber, Jesús Manuel Villar; representantes da veciñanza no Consello Parroquial; o concelleiro Luis Lamas e o alcalde.

Na súa situación actual o inmoble non reúne os requisitos estruturais establecidos pola Xunta de Galicia para homologar un centro de día para persoas con alzhéimer, xa que, tal como se explica na documentación achegada polo presidente de Afaber, requírese unha superficie mínima de 250 metros cadrados para albergar unha área administrativa con zona de recepción e despacho de dirección; unha área de atención individualizada con despacho de atención individual e ás familias (15 metros cadrados mínimo) e sala de curas/consulta médica (8 metros útiles); unha área de actividade con sala polivalente (30 m2), sala de atención controlada (30 m2), sala de rehabilitación (20 m2), comedor (1,50 m2 por persoa), baños adaptados, deambulatorio, e espazos auxiliares (cociña, vestiario para o persoal e cuarto de limpeza e almacenamento).

A vella casa reitoral ten uns 90 metros cadrados por planta. Por accesibilidade só podería usarse a baixa, que habería que reformar por completo, pero nin sequera sumando os dous andares se acadaría a superficie necesaria. As únicas alternativas serían ou ben ampliar a planta baixa ou ben derrubar o edificio para construír un novo. Neste sentido, o alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a estudar as posibilidades desde o punto de vista urbanístico e tamén económico, contando coa colaboración da Deputación e da Xunta, pero non hai que esquecer que se está a falar dunha propiedade da parroquia, polo que sería preciso que o Arzobispado a cedese ao Concello de Carballo como mínimo por 30 anos para que puidese realizarse unha actuación desa envergadura e contar ademais co visto bo da veciñanza. No próximo Consello Parroquial, previsto para o 15 de marzo, abordarase de novo este asunto.

O presidente de Afaber lembrou que a asociación precisa un novo local que lle permita atender o mellor posible as necesidades das persoas doentes e das súas familias. Nese sentido agradeceu o xesto do Consello Parroquial de Artes e cualificou como moi importante o ofrecemento, poida chegar ou non a bo porto.



Galería

Compartir: