Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados por unanimidade o proxecto da 2ª...

UNHA VECIÑA DE ENTRECRUCES EXPUXO PROBLEMAS DA PARROQUIA

Aprobados por unanimidade o proxecto da 2ª fase da travesía de Sísamo e a adhesión á plataforma Doing Business

As mocións de Terra Galega para investir todo o superávit na substitución de fibrocemento e para adquirir un urbanizable na Cristina foron rexeitadas

Martes 27 de febreiro do 2018 Carballo ao día

A corporación municipal de Carballo adoptou na sesión ordinaria deste luns dous acordos por unanimidade: o proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo, que agora será remitido á Deputación Provincial para que proceda á súa contratación e execución, e a adhesión á plataforma da Xunta Doing Business, que pretende favorecer a implantación de empresas na nosa comunidade autónoma. O alcalde, Evencio Ferrero, lembrou que o Concello de Carballo “mellorou as obrigas deste protocolo” coas bonificacións aprobadas no pleno anterior, pero defendeu a adhesión “porque o emprego –dixo- ten que ser un obxectivo permanente por parte de calquera Administración pública”.

Aínda que non por unanimidade, a corporación municipal tamén aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por 41.604,54 euros.

Na orde do día figuraban tamén dúas mocións de Terra Galega, unha na que solicitaba que o Concello de Carballo destinase todo o superávit do ano pasado á substitución de canalizacións de auga de fibrocemento e outra para a adquisición dun urbanizable de 17.000 metros cadrados na zona da Cristina. No primeiro TeGa contou co apoio do PP, mentres que o PSOE abstívose e o BNG votou en contra por considerar que que facer o que di o grupo da oposición implicaría estar “nun estado permanente de obras”, levantando e tapando rúas para instalar distintos servizos. Fronte a esa proposta, o goberno municipal defende “actuacións integrais” como as que se están levando a cabo, e que inclúen a instalación no mesmo proxecto de todas as redes.

Con respecto á adquisición de solo, TeGa non contou co apoio de ningún outro grupo por considerar que a solución que propón non é a máis axeitada, aínda que a todos lles gustaría que o CEIP A Cristina contase con máis terreo. “O momento de avaliar foi o momento de planificar o conxunto, e todos somos herdeiros do que nos legaron outros. Sería a primeira vez na historia que se faría unha adquisición de solo urbanizable destas dimensións” e ademais por unha fórmula, a do convenio urbanístico, que “está totalmente denostada”, concluíu o alcalde.

Participación veciñal

Antes de entrar no apartado de seguimento dos órganos de goberno tomou a palabra unha veciña de Entrecruces para expoñer o que considera un abandono da parroquia. Con ela estiveron un grupo de 14 veciños e veciñas que amosaron unha pancarta de denuncia. Despois da intervención, que se centrou na existencia de pistas estreitas, peches de mirtos, tullas e ladrillo sobre as vías, insuficiencia da periodicidade da recollida do lixo, limpeza de cunetas e outras carencias, os grupos tomaron a palabra para apoiar, no caso de PSOE, TeGa e PP, e de rexeitar, por parte do BNG, que, por boca de Luis Lamas, fixo alusión a todos os investimentos realizados e previstos na parroquia e convidou á poñente a non utilizar o salón de plenos para airear asuntos persoais. Todos os grupos, iso si, brindáronse a acompañar á veciñanza nun percorrido pola parroquia, cousa que o PP dixo que xa tiña feito.

Os rogos e preguntas foron, como xa vén sendo habitual, moitos e moi longos en canto á redacción. O PP interesouse pola bandeira azul de Razo, as fochancas na rúa Túnel, o arranxo de vías, as obras do Chorís, a posta en marcha dun plan piloto por parte da Deputación da Coruña para a Policía Local, os pasos de peóns, o alumeado e a substitución de fibrocemento. TeGa preguntou polo cambio de aliñacións na esquina das rúas Vázquez de Parga e Muíño, a ampliación dun edificio na rúa Colón, o campo de fútbol de Sofán, os mandos dos bolardos, os pasos de peóns, deficiencias nos complexos deportivos, o contrato do ciclo integral da auga, a praza de inspector da Policía Local.

Compartir: