Inicio Carballo ao día Hemeroteca O próximo curso non se prevén...

O PRAZO DE SOLICITUDE DE PRAZA ESTARÁ ABERTO DO 1 AO 20 DE MARZO

O próximo curso non se prevén problemas de escolarización, segundo os datos trasladados ao Consello Escolar Municipal

En setembro incorporaranse ao colexio un total de 269 nenos e nenas de 3 anos, mentres que hai 270 prazas vacantes sen contar as do CRA

Mércores 28 de febreiro do 2018 Carballo ao día

O Consello Escolar Municipal reuniuse no CEIP Bergantiños

O Consello Escolar Municipal reuniuse no CEIP Bergantiños

O Consello Escolar Municipal celebrou este martes pola tarde no CEIP Bergantiños unha xuntanza na que se fixo un primeiro balance do curso e puxéronse sobre a mesa as previsións de escolarización para setembro. A este respecto non se prevén problemas, xa que hai máis prazas que nenos e nenas de 3 anos. No ano 2015 houbo 269 nacementos, 9 menos que no ano anterior, e, segundo informou a inspectora de Educación, as prazas vacantes superan as 270 sen contar as do CRA Ponte da Pedra.

Estes días están chegando aos domicilios das familias as cartas remitidas polo Concello de Carballo coa información sobre o proceso de escolarización, xa que o prazo de solicitude de praza para o vindeiro curso estará aberto do 1 ao 20 de marzo.

Con respecto ao seguimento do curso actual, o Consello Escolar Municipal valorou positivamente a implantación da xornada única en todos os colexios. A orde do día completouse coa presentación, por parte da Confederación de ANPAS Galegas, dunha proposta de transformación dos comedores escolares na que se marca como obxectivo que todos os centros públicos conten con este servizo, que debería incluír, segundo expoñen, un factor educativo e correr a cargo de profesionais, non do profesorado. Os representantes dos pais e nais reclaman unha aposta pública por este servizo.

Evencio Ferrero, María Luisa García e Mar Eirís

Evencio Ferrero, María Luisa García e Mar Eirís

No apartado de rogos e preguntas abordouse, entre outras cuestións, a necesidade de ampliar a oferta de ciclos de formación profesional básica, que nestes momentos limítase a Electricidade e electrónica e Fabricación mecánica no IES Monte Neme, o que limita moito a incorporación de alumnado, sobre todo feminino.

No Consello Escolar Municipal participaron Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Mar Eirís, concelleira de Educación; Vítor Recarei, en calidade de secretario; María Luisa García, en representación da Xunta de Galicia; José Bustelo Tarrío, María Lourdes Rey Fau, e María Isolina Loureiro Tasende, en representación dos pais e das nais de alumnado; Margarita Garrido Mille, en representación dos sindicatos do ensino, e María Luisa López Losada, en representación de directores/as de centros de ensino.

Compartir: