Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde de Carballo trasládalle ao...

PRIMEIRA ENTREVISTA DE EVENCIO FERRERO CON NÚÑEZ FEIJOO

O alcalde de Carballo trasládalle ao presidente da Xunta cinco propostas estratéxicas para o desenvolvemento do municipio

A circunvalación, a ampliación do polígono, a travesía de Bértoa, o abastecemento á zona de Baldaio e o plan de xestión do risco de inundacións son cuestións decisivas a curto e medio prazo

Mércores 28 de febreiro do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero, na rolda de prensa posterior á entrevista con Núñez Feijoo

Evencio Ferrero, na rolda de prensa posterior á entrevista con Núñez Feijoo

Despois de anos de espera, o alcalde de Carballo mantivo hoxe a súa primeira entrevista co presidente da Xunta. Evencio Ferrero aproveitou a xuntanza en Santiago para trasladarlle a Alberto Núñez Feijoo cinco cuestións que, desde o punto de vista do goberno municipal, son “estratéxicas” para o desenvolvemento do municipio a curto e medio prazo. E achegoulle, ademais, un completo e detallado dosier elaborado polo persoal da Oficina Técnica Municipal que mereceu as felicitacións do titular do Goberno galego.

Segundo os datos ofrecidos hoxe por Núñez Feijoo, o investimento na circunvalación acadaría os 28 millóns de euros

Unha desas cuestións estratéxicas é a variante de Carballo, unha circunvalación que evite o paso pola trama urbana do tráfico pesado que se dirixe cara o sur de Galicia, e que, ademais, vai a máis a medida que aumenta a implantación de empresas nos polígonos de Bértoa e A Laracha. Evencio Ferrero lembrouse ao presidente da Xunta que xa existe un proxecto elaborado hai uns dez anos por un importe de 14 millóns de euros, pero, segundo os datos ofrecidos hoxe por Núñez Feijoo, o investimento na circunvalación acadaría os 28 millóns de euros. “Somos conscientes de que non hai recursos para todo, pero gobernar é decidir e priorizar”, apuntou o alcalde.

Directamente relacionada coa variante está a expansión do solo industrial, dado o bo ritmo de venda de parcelas en Bértoa. O alcalde de Carballo insistiu na necesidade de desenvolver os sectores A e B, nos cales, ademais, Xestur xa ten a propiedade de parte do solo. O presidente da Xunta concordou con Evencio Ferrero en que a implantación de industrias debe ser unha prioridade, e en que unha reactivación económica non pode estar freada pola falta de solo industrial, e nese sentido comprometeuse a trasladarlle os datos a Xestur.

O alcalde tamén solicitou que se complete a urbanización da travesía de Bértoa, un proxecto que suporía un custe aproximado de 1 millón de euros e que permitiría completar a humanización e mellorar a seguridade nunha vía pola que circulan a diario miles de vehículos. O Concello de Carballo estaría disposto a cofinanciar as obras e a asumir, unha vez realizadas, a titularidade da vía.

Despois do esforzo realizado desde o Concello para a construción da captación de auga no río Bardoso ou para financiar, con cargo aos orzamentos deste ano, o abastecemento a Razo, o alcalde reivindica que por parte da Xunta se retome o proxecto de abastecemento á zona de Baldaio, que xa figurou nos orzamentos da Xunta pero que non chegou a materializarse. Neste caso sería preciso un investimento dun millón de euros que permitiría dar servizo a todos os núcleos de máis de 50 habitantes.

Por último, Evencio Ferrero abordou con Núñez Feijoo a necesidade de desenvolver un plan específico para a xestión do risco de inundacións, xa que na área de risco potencial significativo de inundación delimitada pola Xunta está incluída unha parte importante do casco urbano, unha das empresas máis importantes da zona, 2.099 habitantes, 4 centros educativos e a estación de autobuses.

O alcalde agarda que as necesidades trasladadas ao presidente da Xunta obteñan a resposta positiva que precisa Carballo para seguir medrando e garantindo a calidade de vida da veciñanza.

Compartir: