Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os alcaldes estudan a adhesión de...

Os alcaldes estudan a adhesión de Bergantiños á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e a posta en valor do Anllóns

Seis dos sete rexedores da comarca mantiveron hoxe no noso concello unha xuntanza co presidente da Reserva e co director do Ceida

Xoves 1 de marzo do 2018 Carballo ao día

A xuntanza celebrouse na Casa do Concello

A xuntanza celebrouse na Casa do Concello

Os alcaldes de Bergantiños están a traballar en proxectos xerais para a dinamización medioambiental, económica e social dun territorio común. Xunto á posta en valor do río Anllóns, na que xa levan un tempo traballando, xorde agora a posibilidade de que toda a comarca pase a formar parte da actual Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que, de chegar a bo porto a proposta, incluiría tamén Bergantiños na súa denominación. Este foi un dos temas centrais que abordaron na xuntanza celebrada hoxe no noso concello.

No prazo dun mes todos os concellos deberían ter aprobada a solicitude de adhesión á Reserva da Biosfera

Para explicarlles aos alcaldes todos os pormenores estiveron en Carballo o presidente, José Antonio Santiso, e outros membros da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, ademais de Carlos Vales, director do Ceida. Este último cualificou como moi boa a acollida da proposta por parte dos rexedores, que se comprometeron a presentarlla aos diferentes grupos políticos dos seus concellos, como xa se ten feito en Carballo e A Laracha, para que o proceso se realice con consenso. No prazo dun mes todos os concellos deberían ter aprobada a solicitude de adhesión.

“A incorporación de todos significaría un prestixio aínda maior para a Reserva, porque as condicións naturais desta comarca son extraordinarias, e ao mesmo tempo supón unha oportunidade extraordinaria de desenvolvemento para Bergantiños e de posta en valor dos excelentes produtos agrícolas e pesqueiros desta zona”, apuntou o director do Ceida.

Posta en valor do río Anllóns

Dentro da futurible “Reserva da Biosfera de Bergantiños” tería especial importancia o Anllóns, por iso, aínda que non todos os concellos están situados nas súas ribeiras, si que todos poderían beneficiarse da posta en valor do río. Este é un proxecto no que xa se leva traballando algún tempo e no que hoxe deuse un paso máis, xa que se estableceu a próxima celebración dunha reunión de traballo coordinada polo Ceida para elaborar unha folla de ruta, ver que tipo de accións se poden impulsar e articular canles de participación e implicación de todos os sectores sociais. “O Anllóns é un patrimonio importantísimo que hai que dar a coñecer”, apuntou Carlos Vales.

Na xuntanza de hoxe, ademais dos representantes do Ceida e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, participaron os alcaldes de Laxe, José Manuel Mouzo; Ponteceso, Lois García Carballido; Cabana, José Muíño; Malpica, Eduardo Parga; A Laracha, José Manuel López, e Carballo, Evencio Ferrero. Tamén estiveron presentes os concelleiros Luis Lamas, de Carballo, e Ramón Martínez Barbeito, da Laracha.

Compartir: