Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello de Carballo e apicultores unen esforzos...

O PROXECTO ESCOLAR REMATARÁ O DÍA 13 EN ASPABER

Concello de Carballo e apicultores unen esforzos de novo para reforzar a loita contra a invasión da avespa velutina

Co reparto de trampas e atraínte comeza oficialmente unha intensa campaña de tres meses de duración para intentar atrapar o maior número de raíñas posible

Xoves 1 de marzo do 2018 Carballo ao día

“Polo que estamos vendo en todos os foros nos que participamos, Carballo é un concello pioneiro non só en Galicia, senón en toda España, na loita contra a avespa velutina”, asegurou un dos apicultores que participaron hoxe pola mañá nun acto simbólico de inicio da campaña de trampeo. Como explicou Isidro Rodríguez, representante da empresa encargada do servizo de control de pragas, trátase de aproveitar estes próximos tres meses, ata finais de maio, para intentar atrapar o maior número de raíñas cando esperten do seu letargo invernal, porque sen raíña non hai niño. Empeza, por tanto, unha época crucial para combater esta praga, e desde o Concello de Carballo solicítase toda a colaboración posible.

Os primeiros dispostos a colaborar, porque tamén son os máis afectados e os que mellor coñecen o terreo, son os apicultores. Hoxe desprazouse ata a Casa do Concello unha representación do sector para recoller as trampas e o atraínte. Este ano repartiranse 100 trampas novas, que se sumarán ás 300 do ano pasado, pero ademais, como destacou Isidro Rodríguez, nesta ocasión cóntase coa colaboración inestimable dos centos de nenos e nenas que veñen participando no proxecto escolar de divulgación da vespa velutina impulsado polo Concello de Carballo.

Isidro Rodríguez

Isidro Rodríguez

Onte celebráronse as últimas charlas no CEIP Bergantiños, co cal completouse o mapa de centros de primaria do noso concello, pero a campaña estenderase tamén ao Canosa-Rus e a Aspaber. Isidro Rodríguez destacou a excelente acollida do programa, o intereses e o elevado grao de implicación dos nenos e nenas, que aprenderon a preparar as súas propias trampas con botellas de plástico e mesmo o atraínte con produtos de consumo doméstico habitual.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que participaron no encontro de hoxe cos apicultores, agradecéronlles a colaboración e reiteraron o compromiso do Concello de Carballo, que o ano pasado investiu 35.000 euros na loita contra a avespa asiática, de seguir loitando contra esta praga. Así mesmo, destacaron a importancia de traballar na sensibilización da poboación sobre este problema empezando desde a infancia.

Compartir: