Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Feira das Oportunidades volve a Carballo con...

A CITA SERÁ OS DÍAS 10 E 11 DE MARZO NO REGO DA BALSA

A Feira das Oportunidades volve a Carballo con máis expositores e novos sectores

Representantes do CCA e do Concello de Carballo presentaron hoxe a iniciativa

Xoves 1 de marzo do 2018 Carballo ao día

A presentación da Feira das Oportunidades tivo lugar hoxe na Casa do Concello

A presentación da Feira das Oportunidades tivo lugar hoxe na Casa do Concello

Volve a Feira das Oportunidades a Carballo e faino cunha imaxe modernizada e algunas novidades. Os responsables do Centro Comercial Aberto (CCA) presentaron esta mañá na Casa do Concello a que será a décima edición dunha iniciativa xa consolidada no municipio, tanto entre o sector comercial como entre o público. Este ano a cita será os días 10 e 11 de marzo, coincidindo coa primeira feira do mes, na contorna do Rego da Balsa, unha zona con boa accesibilidade e dispoñibilidade para aparcar.

Pero unha das novidades desta edición serán os expositores, que aumentarán en número e sectores. Dos 28 stands participantes en 2017 pasarase a 35, dos que cinco se situarán, por primeira vez, no exterior da carpa, xa que se trata de empresas do sector da automoción. Deste xeito, preténdese “abrir este evento a todo o comercio con novas incorporacións que o fagan máis atractivo”, segundo apuntou o coordinador da feira, Iván Barreiro. Pola súa banda, o presidente do CCA, Ricardo Pallas, subliñou “a importancia de revitalizar e unir aos comerciantes dándolles novas ferramentas para mellorar”, en alusión á nova etapa que está a impulsar a actual xunta directiva e que comezou cunha actualización da imaxe corporativa. O redeseño do logotipo, que se estenderá a mupis e escaparates, a promoción das redes sociais como ferramentas de coñexión directa co consumidor e outras moitas actividades forman parte desa nova estratexia. Así mesmo, Pallas agradeceu a colaboración da Brigada Municipal de Obras, Policía Local e Protección Civil.

Xunto aos máximos responsables do CCA estiveron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, quen trasladou os seus parabéns aos organizadores “por conseguir o difícil reto de ir medrando cada ano”. O alcalde, pola súa banda, manifestou o seu apoio a esta iniciativa da que “agardo saian bos froitos e moitas vendas”, ao tempo que destacou a importancia de “iniciativas así para fomentar o comercio local dende aquí e con negocios que teñen profundas raíces en Carballo” fronte ao auxe do comercio online.

Este ano entre os expositores, que ofrecerán descontos de ata o 70%, poderemos atopar moda, calzado, complementos, artigos deportivos, alimentación, automóbiles e incluso comercios especializados en artigos de segunda man. Ademais haberá una zona de animación infantil con xogos para os máis pequenos e unha área de descanso para repoñer folgos. Outra das novidades será a presenza, por primeira vez, dunha emisora de radio retransmitindo en directo de todo o que aconteza durante os dous días de feira.

O horario de apertura será de 10 a 21 e a entrada será de balde.

STANDS PARTICIPANTES

Alonso Moda, Deportes San Remo, Deportes Atmósfera Sport, Moda Suárez, Un Paso Máis, O Rastrillo, Coco Moda, Mundo Kid’s, Amar Moda, El Rincón de María, Benetton, Mímate, O Barco dos Soños, Zapatillería Isabel, Calzados Susa, Zapatiños, Retoños, DV, -15, Galería 77, O recreo animación, Segredos da Area, Alma, A Fragua de Mo, Zocas, Bámbola, Radio Líder, Mmmm Xeados e o CCA. Na carpa exterior situaranse: Reneymar, Toyota, Citroen, JGCar e Rebelcars.

Compartir: