Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alumnado do obradoiro de emprego intensifica os...

ONTE VISITARON A FEIRA DO EMPREGO DA CORUÑA

O alumnado do obradoiro de emprego intensifica os contactos co mundo do traballo no seu último mes de formación

Remata unha semana de moita actividade para as persoas que están a formarse no Fórum Carballo co obxectivo de acadar a inserción laboral

Venres 2 de marzo do 2018 Carballo ao día

Masterclass sobre cata de viños galegos no Fórum

Masterclass sobre cata de viños galegos no Fórum

Remata unha semana intensa para as 70 persoas que están a participar nas distintas accións formativas que se desenvolven nestes momentos no Fórum Carballo. A medida que avanzan os cursos a parte práctica vai gañándolle terreo á teórica, e iso tradúcese en actividades complementarias como a masterclass que ofreceu onte Isabel Lozano Verdes, sumiller polo Instituto Galego do Viño, ao alumnado do curso de Servizos de Cafetería e Bar. Á iniciativa sumáronse os concelleiros Milagros Lantes e Marcos Trigo, que aproveitaron a oportunidade para entrar nun sector con tanta proxección en Galicia como a viticultura da man dunha auténtica experta en viños galegos.

Charlas con empresas na Feira do Emprego

Charlas con empresas na Feira do Emprego

Ao mesmo tempo que esta actividade se desenvolvía nas instalacións da Escola de Hostalaría, o alumnado do obradoiro de emprego que está a formarse na especialidade de carpintería de madeira visitaba a Feira do Emprego organizada pola Cámara de Comercio no Palexco. Acompañados polo director, Andrés Seoane, e o profesorado, tiveron a ocasión  de achegarse a varios stands relacionados coa especialidade que están a cursar e entregar os seus currículos laborais. De feito, o alumnado do obradoiro está xa na recta final do seu período formativo, porque o día 28 despediranse do taller de carpintería do Fórum.

Os participantes destacaron a posibilidade de poñerse en contacto de grandes firmas como IKEA ou Leroy Merlín e outras empresas punteiras no seu ámbito como Alumán, Grupo Caamaño ou Mantiñán. Pero boa parte da xornada pasárona entre charlas, conferencias e obradoiros que cualificaron como interesantes e “moi proveitosas” para o seu futuro inmediato como demandantes de emprego.

Ademais de asistir con moito interese a auténticas masterclases  sobre a importancia da actitude, a motivación e as técnicas de busca de traballo, impartidas por formadores de recoñecido prestixio nacional, o alumnado carballés participou en sesións prácticas encamiñadas á elaboración de currículos e á preparación de entrevistas. Ao final tamén puideron conversar e intercambiar impresións cos propios conferenciantes, empresarios e usuarios/as doutros centros de formación. Unha experiencia moi positiva e enriquecedora que agardamos dea os seus froitos o antes posible.

Compartir: