Inicio Carballo ao día Hemeroteca A vermicompostaxe chega aos centros educativos...

A vermicompostaxe chega aos centros educativos que participan no proxecto do Horto Viaxeiro

Nos obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal quedan prazas dispoñibles no grupo de nenos e nenas de Primaria

Domingo 4 de marzo do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas, atentos tamén ás explicacións do coordinador do Horto

Evencio Ferrero e Luis Lamas, atentos tamén ás explicacións do coordinador do Horto

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal é un proxecto que vai moito máis alá das instalacións da rúa Nardos. Grazas ao Horto Viaxeiro tamén chega aos colexios Xesús San Luís Romero, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, CRA Ponte da Pedra e Escola Infantil As Landras, cun total de 1.600 participantes. Aínda que a actividade que desenvolven os nenos e nenas é común, tamén hai propostas individualizadas en función das características de cada centro.

Deste xeito, por exemplo, unha vez finalizadas as obras do pavillón, no CEIP Xesús San Luís Romero está previsto acondicionar unha parcela con bancais elevados adaptados tanto a Primaria coma a Infantil. E nesa mesma liña, no Fogar e no Nétoma-Razo, así coma nas escolas de Sísamo, Cances e Artes, están a darse os primeiros pasos para a implantación da vermicompostaxe.

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal implicase deste xeito na forte aposta que desde o Concello de Carballo estamos a realizar pola compostaxe e, máis recentemente, pola vermicompostaxe. Estes días están a colocarse os vermicomposteiros nos centros e a realizarse unhas xornadas formativas para que os nenos e as nenas, e tamén o profesorado, saiban como utilizalos. A algunha delas asistiron tamén o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

As explicacións acompáñanse cun completo manual no que se responden as principais dúbidas que poidan xurdir, pero, en calquera caso, todo o labor de vermicompostaxe será supervisado polo persoal do Horto, que tamén se encargará do mantemento dos vermicomposteiros durante as épocas vacacionais.

Prazas dispoñibles

Grupo de 3 anos nas instalacións da rúa Nardos

Grupo de 3 anos nas instalacións da rúa Nardos

Ademais das actividades do Horto Viaxeiro, que se desenvolven en horario lectivo, polas tardes están abertas as instalacións da rúa Nardos cun total de 65 prazas. Nestes momentos están cubertas as 15 para nenos e nenas de tres anos e as 25 que hai para os/as de catro e cinco anos, pero nos obradoiros destinados ao alumnado de Primaria aínda quedan prazas dispoñibles. Se algunha familia está interesada pode descargar a ficha de inscrición adxunta e entregala nas oficinas da Concellaría de Promoción Económica, situadas no Museo de Bergantiños.

Compartir: