Inicio Carballo ao día Hemeroteca En proceso de actualización o protocolo...

COORDINACIÓN ENTRE OS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS E OS CENTROS EDUCATIVOS

En proceso de actualización o protocolo para a detección e intervención en casos de risco e desprotección de menores

O avogado Santiago Míguez Caridad participará o día 9 nunha xornada de traballo sobre “Privacidade e datos persoais en e con centros educativos”

Domingo 4 de marzo do 2018 Carballo ao día

Tendo en conta que o ámbito das familias e dos/as menores de idade é unha das áreas de intervención dos servizos sociais comunitarios básicos e conscientes da necesidade de artellar mecanismos eficaces e efectivos de detección, coordinación e intervención psico-social no dito ámbito, estamos a revisar e a actualizar o protocolo de actuación xa existente e co que se viña traballando ata o de agora entre o departamento de Benestar e Igualdade do Concello de Carballo e os centros educativos. Estamos a falar dun total de 14 centros de infantil, primaria e secundaria.

O traballo comezou en setembro de 2017 cunha xornada formativa conxunta entre os servizos sociais, os centros educativos e persoal do equipo técnico do menor da Xunta de Galicia

O traballo comezou en setembro de 2017 cunha xornada formativa conxunta entre os servizos sociais, os centros educativos e persoal do equipo técnico do menor da Xunta de Galicia

O obxectivo da revisión é poder detectar dun xeito máis temperá os casos nos que os/as menores de idade están ou poden estar inmersos/as en situacións de risco (absentismo escolar, familias desfavorecidas, maltrato infantil, conflitividade, consumos,…) para poder iniciar a oportuna intervención tendente a paliar e/ou reducir as ditas situacións, na procura do benestar e do desenvolvemento integral óptimo dos/as menores.

Con todo isto búscase acadar unha mellor e máis pronta resposta e actuación nos casos detectados desde os colexios e os institutos para que a intervención que se realice desde os servizos sociais poida ser máis efectiva, dando como resultado a mellora da actuación coordinada dos ámbitos social e educativo, a posible abordaxe e resolución dos factores sociais, familiares, persoais… dos/as menores detectados e derivados e, en definitiva, unha mellora nas condicións vitais deles/as e das súas familias.

Por esta razón, nas últimas semanas, persoal técnico dos servizos sociais do Concello de Carballo desprazouse a cada centro educativo para manter reunións con representantes dos departamentos de orientación e dos equipos directivos  coa finalidade de afianzar e axilizar tanto a derivación desde os centros educativos aos servizos sociais, como o traballo coordinado entre ámbolos ámbitos nos casos comunicados de menores en situacións de risco de exclusión social.

Estas reunións enmárcanse nunha programación xeral máis ampla que vimos desenvolvendo ao longo do curso académico presente. O calendario de actuacións comezou no mes de setembro de 2017 cunha xornada formativa conxunta entre os servizos sociais, os centros educativos e persoal do equipo técnico do menor da Xunta de Galicia para abordar e clarificar as competencias e as intervencións de cada organismo.

Xornada de traballo o venres 9

Dada a boa participación, o elevado interese e o desexo conxunto de seguir afondando e mellorando no eido da atención e da cobertura das necesidades dos/as menores de idade, están previstas novas actuacións de formación e de coordinación no que resta de curso académico.

Precisamente, para este venres 9 de marzo (09.00 horas, salón de actos do 2º andar do Pazo da Cultura) está programada unha xornada de traballo sobre Privacidade e datos persoas en e con centros educativos, que ten como obxectivo analizar e clarificar aspectos dubidosos e con controvertidos no ámbito da protección de datos dos menores de idade no campo educativo e social. O poñente será Santiago Míguez Caridad, avogado con ampla experiencia nos ámbitos de menores e de protección de datos.

Compartir: