Inicio Carballo ao día Hemeroteca A muller convértese en protagonista da...

DÍA DA MULLER

A muller convértese en protagonista da semana a través das actividades organizadas polo Concello de Carballo

A programación empeza hoxe co faladoiro “Entre guerrilleiras”, aberto a todas as “superheroínas” da vida cotiá

Martes 6 de marzo do 2018 Carballo ao día

O Concello de Carballo conmemorará o Día Internacional da Muller cunha serie de actividades programadas desde as concellarías de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller, e Cultura co obxectivo de implicar a toda a poboación no traballo a prol da igualdade. E as primeiras ás que queremos implicar son as superheroínas da vida cotiá. Para todas as mulleres que nalgún momento da súa vida foron, son ou serán superheroínas vai dirixido o faladoiro Entre guerrilleiras, que se celebra hoxe martes ás 19.30 horas na Biblioteca Rego da Balsa. Hoxe tamén, de 17 a 19 horas, a Cruz Vermella de Carballo presentará “O feminismo é o meu súper poder” nun stand informativo.

Posto informativo da Cruz Vermella na Biblioteca Rego da Balsa

Posto informativo da Cruz Vermella na Biblioteca Rego da Balsa

Pero o groso das actividades concentrarase na xornada do venres 9. Arrancaremos ás 19 horas na Biblioteca Rego da Balsa coa presentación do libro “Comezar desde cero: Voces de mulleres recuperando ás súas vidas”, de Tania Merelas Iglesias, que estará acompañada pola activista feminista Lola Ferreiro. De seguido será inaugurada unha exposición coas ilustracións realizadas por Lucía Catoira Pan para o libro. E ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, a compañía Teatro do Atlántico representará “Helena: xuízo a unha lurpia”, na que, partindo do drama dunha personaxe da mitoloxía grega, establécese un diálogo entre a protagonista e a cidadanía do século XII, coa que comparte unha reflexión e unha denuncia ao redor do drama da muller contemporánea e tamén de moitas das dramáticas circunstancias polas que transita a nosa civilización.

O día 23, no Fórum Carballo, volveremos á carga cun obradoiro sobre Recuperación persoal, dirixido a profesionais que traballan na atención integral a vítimas de violencia de xénero, e no que se abordarán as seguintes cuestións: modelo de atención integral, dimensións da atención integral, problemáticas e dificultades dos procesos de recuperación; e os tempos de lecer no marco do PRP (Proxecto de Recuperación Persoal).

E despois das vacacións de Semana Santa a programación chegará aos institutos a través dos obradoiros “Sen diferenzas” dirixidos a alumnado de 1º de Bacharelato e nos que se traballará a promoción da igualdade de oportunidades entre mozas e mozos a través da toma de conciencia de como os estereotipos sexistas condicionan a elección e o futuro profesional.

Compartir: