Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Montevideo quedará cortada ao...

A rúa Montevideo quedará cortada ao tráfico a partir do luns 12 para a execución das obras de reurbanización

As persoas usuarias de prazas de garaxe terán garantido o acceso ou ben pola rúa Alfredo Brañas ou ben por Emilia Pardo Bazán, en función do desenvolvemento dos traballos

Mércores 7 de marzo do 2018 Carballo ao día

Rúa Montevideo

Rúa Montevideo

Con motivo das obras de reurbanización da rúa Montevideo, o tráfico rodado estará cortado a partir do luns 12 de marzo na totalidade da vía. Tan só se permitirá o paso a residentes e propietarios/as dos garaxes, aínda que con algunhas modificacións, xa que durante a execución dos traballos o acceso realizarase ou ben pola rúa Alfredo Brañas ou ben por Emilia Pardo Bazán, en función do desenvolvemento das obras. Todos os cambios serán comunicados con antelación ás persoas afectadas.

O corte da rúa Montevideo prolongarase durante tres meses, xa que ese é o prazo de execución establecido para as obras. O proxecto, adxudicado á empresa Construcciones López Cao por un importe de 123. 904 euros, está incluído no POS+ e contempla a realización de diversas actuacións que permitirán mellorar tanto os servizos urbanos como a accesibilidade para a veciñanza. Así, procederase á instalación e renovación de todas as infraestruturas, eliminando as antigas tubaxes de fibrocemento. Ademais, modificarase o acabado da rúa, que será de plataforma única e contará con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se inclúen pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical, así como novas luminarias. O proxecto afecta tamén ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, actualmente en estado de deterioro.

Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas polas molestias que estas obras poidan ocasionar entre a veciñanza agradecendo de antemán a colaboración de todos/as.

Compartir: