Inicio Carballo ao día Hemeroteca 65 nenas e nenos participaron na xornada de...

65 nenas e nenos participaron na xornada de amadriñamento e apadriñamento de landras no Horto Infantil Ecolóxico Municipal

A celebración do Día da Árbore terá continuidade dentro dun ano co transplante dos futuros carballos

Sábado 24 de marzo do 2018 Carballo ao día

Malia o mal tempo, a celebración do Día da Árbore no Horto Infantil Ecolóxico Municipal reuniu nas instalacións da rúa Nardos a un total de 65 nenos e nenas, que participaron desde as 12.00 ata as 14.00 horas na xornada de apadriñamento e amadriñamento de landras promovida desde o Concello. A actividade congregou non só aos cativos e cativas, senón tamén a pais, nais, avoas e avós, que se converteron en voluntarios axudantes dos e das máis pequenos e pequenas. Ata alí achegáronse tamén o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e a concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes.

Despois de recibir unhas breves explicacións, cada participante puxo mans á obra para introducir a terra no fondo dunha maceta, colocar as landras e cubrilas co compost extraído dos composteiros e vermicomposteiros do propio Horto. Despois regaron e, por último, colocaron as macetas nunha zona abrigada onde permanecerán a partir de agora ao coidado do persoal e dos/as usuarios/as dos obradoiros do Horto.

Esta actividade, de feito, terá unha segunda parte dentro dun ano, cando as landras se transformen en pequenos carballos. Aqueles que saian adiante serán transplantados en espazos públicos polos propios nenos e nenas. Por iso, cada maceta ten un número, que se corresponde co que lle foi asignado a cada neno ou nena, para poder contactar cos padriños e madriñas chegado o momento.



Galería

Compartir: