Inicio Carballo ao día Hemeroteca A nova Lei de Contratación do Sector...

COMUNICADO DA FEGAMP

A nova Lei de Contratación do Sector Público suporá a paralización dos pequenos concellos

Segundo a Federación Galega de Municipios e Provincias, a nova LCSP está formulada en beneficio das grandes empresas e suporá o afundimento do comercio local

Sábado 24 de marzo do 2018 Carballo ao día

Os concellos galegos amosaron o seu enfado no seo da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias celebraba en Silleda por mor de novidades na administración local como a nova lei de contratación do Sector Público, que segundo as palabras do presidente da Fegamp, Alfredo García, “está conseguindo a paralización dos concellos galegos, e con máis fincapé nos máis pequenos”. Afondaba García en que ademais esta lei suporá o afundimento do comercio local xa que os requisitos que trae consigo a nova lei de contratación, como a contratación electrónica obrigatoria, dificultaranlle a concorrencia: “as pequenas empresas locais que contan con pouco persoal non serán capaces de concursar xa que non teñen medios nin coñecementos para realizar o proceso que leva consigo concursar na administración a un servizo ou para unha obra pública”.

Pero o presidente da Fegamp ía máis lonxe e aseguraba: “A nova LCSP o que fará será rematar co comercio local xa que agora mesmo hai empresas locais que dependen dos ingresos por servizos ao concello para a súa supervivencia”. Ademais, segundo os alcaldes e alcaldesas, a nova LCSP favorecerá só ás grandes empresas xa que, por exemplo, as contratacións mediante plataforma dixital serán necesarias e as empresas non dispoñen do equipamento necesario nin o persoal cualificado para concorrer nos procesos previstos, e moito menos de forma electrónica.

O presidente da Fegamp alertaba doutro perigo: “E o peor de todo é que despois de concursar e de acadar o servizo ou obra por parte das grandes empresas, estas subcontratarán a empresas locais pequenas para desenvolver o traballo o que suporá realizar o traballo por menos diñeiro e subordinadas a unha grande empresa”.

Alfredo García, trasladou este sentir de todos os concellos de Galicia lexitimado polo apoio de todos os alcaldes e alcaldesas da Comisión Executiva da Fegamp, onde todas e todos os presentes amosaron o seu descontento e preocupación por esta lei e por outras novidades nesta materia que están complicando o día a día municipal: “os concellos estamos a favor da transparencia, da administración electrónica, da protección dos datos de carácter persoal pero o que non queremos é ver cómo se paraliza a Administración Local, e iso é o que está a supoñer por exemplo a nova Lei de Contratos do Sector Público ou outras novidades coma o novo regulamento de protección de datos ao que os concellos tamén temos que adaptarnos a marchas forzadas”. As alcaldesas e os alcaldes galegos puxeron enriba da mesa esta problemática e aseguran que van a loitar por ser escoitados e solucionar o que baixo o seu xuízo suporía a paralización total da administración local.

Compartir: