Inicio Carballo ao día Hemeroteca Novas bonificacións de ICIO para dous...

HOXE, PLENO ORDINARIO

Novas bonificacións de ICIO para dous proxectos empresariais que suman case un millón de euros de investimento

“O eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo colle cada vez máis forza, e cada vez é máis urxente a ampliación do polígono de Bértoa”, insiste Evencio Ferrero

Luns 26 de marzo do 2018 Carballo ao día

O polígono industrial está a converterse en tema de conversa habitual no salón de sesións do Concello de Carballo. E hoxe volverá a selo, porque entre os asuntos que abordará a corporación municipal no pleno ordinario de marzo figuran dúas bonificacións do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para outros tantos proxectos empresariais con sede en Bértoa e que representarán, en conxunto, un investimento próximo ao millón de euros.

Por unha banda figura a estación de servizo Galibertoa SL, cun investimento de 346.000 euros, e por outra, Herfraga, unha empresa histórica que se trasladará desde o centro urbano ata o parque empresarial cun proxecto que rolda os 600.000 euros. O importe do ICIO calcúlase, precisamente, en función desas cantidades, xa que é un 2,5 do orzamento da obra. Sen embargo, ao tratarse de investimentos que superan os 180.000 euros e garantir polo menos unha contratación, esa porcentaxe redúcese nun 95%; é dicir, en vez de 8.650 e 15.000 euros, respectivamente, Galibertota e Herfraga pagarán 432,5 e 750 euros.

Milagros Lantes e Evencio Ferrero

Milagros Lantes e Evencio Ferrero

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, destacaron o elevado índice de ocupación do polígono industrial de Bértoa, que aumentará en breve, xa que a última adxudicación de parcelas realizada por Xestur resultou “altamente exitosa”, en palabras do alcalde, e Bértoa volveu a ser o parque empresarial con máis demanda de solo. Se a este goteo continuo, que está deixando cada vez con menos opcións ás empresas que queren instalarse no noso polígono, se lle engade que “o eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo colle cada vez máis forza”, o resultado, como apunta Evencio Ferrero, é que “cada vez é máis urxente a ampliación do polígono de Bértoa”.

Ademais das bonificacións do ICIO, a corporación aborda hoxe os novos criterios interpretativos sobre a categorización das actividades do artigo 220 da normativa do PXOM, que, como no caso anterior, ten como finalidade favorecer a actividade empresarial e, en consecuencia, a dinamización económica e o emprego. Neste caso, segundo explicou a concelleira Milagros Lantes, trátase de modificar determinadas actividades que están consideradas no PXOM como uso industrial, “co cal nunca se lles podería dar licenza no casco urbano” -citou exemplos como unha xoiería ou unha lavandería-, para que, se reúnen determinadas condicións, poidan ser consideradas como uso comercial. Este cambio figura tamén nunha modificación puntual do PXOM que se atopa en tramitación, pero con este acordo plenario preténdese axilizar a súa aplicación, xa que as modificacións puntuais requiren tramitacións moi longas.

Por outra banda, a corporación debaterá unha moción de TeGa sobre a apertura dunha vía desde a rúa Vila de Negreira ata a igrexa de Bértoa e outra conxunta do BNG e o PSOE apoiando a iniciativa lexislativa popular para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.

Compartir: