Inicio Carballo ao día Hemeroteca BNG e PSOE apoian a Iniciativa Lexislativa...

PLENO ORDINARIO

BNG e PSOE apoian a Iniciativa Lexislativa Popular para a protección do monte e a loita contra os incendios forestais

O goberno rexeitou a moción de TeGa para prolongar a Vila de Negreira ata a igrexa de Bértoa porque xa está en trámite a ampliación dese sistema xeral ata a AC-552

Martes 27 de marzo do 2018 Carballo ao día

Imaxe de arquivo do pleno

Imaxe de arquivo do pleno

Fronte á unanimidade coa que saíron adiante tanto as dúas bonificacións do 95% do ICIO propostas coma os novos criterios interpretativos sobre a categorización de determinadas actividades na normativa do PXOM, nos outros dous asuntos que figuraban na orde do día do pleno ordinario de marzo, celebrado este luns 26, houbo disparidade de criterios.

A moción de TeGa solicitando a execución da vía de prolongación da rúa Vila de Negreira ata a igrexa de Bértoa foi rexeitada cos votos en contra do BNG, argumentando que desde o goberno municipal xa se está a traballar nunha proposta que vai máis alá, xa que amplía ese sistema xeral ata a AC-552.

A que si saíu adiante foi a moción conxunta do BNG e o PSOE en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais. TeGa abstívose e o PP votou en contra. O obxectivo da proposta é frear a expansión do eucalipto, que xa duplica as previsións de ocupación previstas no Plan Forestal para o ano 2032, ademais de apostar por modelos de aproveitamento do monte que fomenten a multifuncionalidade de usos, a utilización das especies autóctonas e o mantemento dos servizos ecosistémicos que estas prestan á sociedade. O texto íntegro pode consultarse no documento adxunto.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse, entre outras cuestións, pola situación da praia de Razo de cara ao verán, a integración de Carballo na área metropolitana da Coruña ou os avances nos trámites para a mellora do alumeado público. Pola súa banda, TeGa preguntou pola auditoría enerxética das instalacións deportivas, os mandos para os bolardos da rúa Desiderio Varela, o custe do novo mural do buzo, a execución do orzamento ou o número de candidatos/as para a praza de inspector de policía, entre outras. Algunhas das preguntas formuladas serán respondidas no vindeiro pleno.

Compartir: