Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alumnado do obradoiro de “Revalorización...

O alumnado do obradoiro de “Revalorización de espazos urbanos” remata os seis meses de formación teórico-práctica

Representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo asisten este mércores 28 á entrega de diplomas

Martes 27 de marzo do 2018 Carballo ao día

Parte do alumnado, hoxe, co profesor de carpintería e o director do obradoiro

Parte do alumnado, hoxe, co profesor de carpintería e o director do obradoiro

Despois de seis meses de formación teórica e sobre todo práctica, o alumnado do obradoiro de Revalorización de espazos urbanos despídese do Fórum Carballo. Pero antes de dicir adeus están dedicando as últimas xornadas de traballo á instalación dos bancos que deseñaron e fabricaron para a Praza do Concello e a rúa Martín Herrera. Hoxe mesmo un grupo de alumnos e a única alumna do curso estiveron traballando na Praza do Concello. Malia non ter ningún coñecemento previo, son moitos os que agardan atopar o seu futuro laboral no mundo da carpintería.

Detalle dos escudos que colocaron hoxe

Detalle dos escudos que colocaron hoxe

Este primeiro obradoiro de emprego contou con 11 alumnos e unha alumna de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Mañá mércores recibirán os seus diplomas nun acto ao que asistirán representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo, entre eles o alcalde.

As autoridades aproveitarán o acto para visitar os cursos AFD que están a impartirse no Fórum Carballo. De feito, na elaboración do mobiliario urbano deseñado no obradoiro de carpintería colaborou o alumnado de soldadura, que realizou as pezas de aceiro corten que permiten ancorar os bancos ao chan, e que desde hoxe tamén inclúen un escudo metálico do Concello de Carballo. Ademais de soldadura están en marcha accións formativas para desempregados das especialidades de informática, electricidade e servizos de bar e cafetería. En total hai máis de 70 persoas que están a formarse nestes momentos no complexo da Milagrosa.

Compartir: