Inicio Carballo ao día Hemeroteca Remata o obradoiro de “Revalorización de...

Remata o obradoiro de “Revalorización de espazos urbanos” con aprobado xeral e boas perspectivas laborais

O alcalde, o delegado da Xunta na Coruña e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria clausuraron a acción formativa coa entrega de diplomas

Mércores 28 de marzo do 2018 Carballo ao día

O alumnado ao completo, co profesorado e as autoridades

O alumnado ao completo, co profesorado e as autoridades

O obradoiro de “Revalorización de espazos urbanos” é a primeira das cinco accións formativas para desempregados/as que están a impartirse no Fórum Carballo que toca á súa fin. Once alumnos e unha alumna remataron hoxe seis meses de formación que supuxeron para todos o seu primeiro contacto co mundo da carpintería e que, sen embargo, poden abrirlles as portas do seu futuro laboral. O director do obradoiro, Andrés Seoane, lamentou que a acción non tivese tres meses máis de duración, pero expresou o seu desexo de que “sirva para integrarvos no mercado laboral”.

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que asistiu ao acto de clausura e entrega de diplomas, lembrou que nos anteriores obradoiros celebrados en Galicia (en Carballo este foi o primeiro) acadouse unha inserción laboral do 60% “nos primeiros meses”. Neste caso as perspectivas tamén son boas, xa que todo o alumnado superou as avaliacións teórico-prácticas e xa hai un pequeno grupo que ten moitas posibilidades de empezar a traballar en breve no sector.

O xefe territorial, o delegado e o alcalde, probando os bancos que fabricaron os/as alumnos/as

O xefe territorial, o delegado e o alcalde, probando os bancos que fabricaron os/as alumnos/as

“Esperemos que hoxe sexa o principio dunha próxima inserción laboral”, declarou o alcalde. Evencio Ferrero foi o anfitrión tanto do delegado como do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez, aos que expresou o agradecemento do Concello de Carballo pola colaboración e reiterou a oferta do goberno municipal a seguir traballando cóbado con cóbado coa Xunta de Galicia na formación ocupacional. Nese sentido manifestou que o Fórum Carballo é un edificio sempre aberto a iniciativas que faciliten a formación e, en consecuencia, o emprego.

O Fórum, un edificio aberto á formación

Evencio Ferrero aproveitou a visita para poñer o Fórum a disposición da Xunta para a formación de especialistas en soldadura, unha profesión con moitísima demanda en Galicia e que, como se ten demostrado nas accións realizadas en Carballo, acada un índice de inserción moi elevado. Ovidio Rodeiro lembrou que onte publicouse a nova convocatoria de cursos, 600 en total, e amosouse interesado pola proposta do alcalde.

Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

Precisamente o taller de soldadura foi a segunda parada, despois do de carpintería, das autoridades, entre as que tamén se encontraba o concelleiro popular Cristian Puente. O monitor de soldadura fixo unha breve explicación do traballo que se está a realizar nestes últimos días, xa que o curso tamén está a piques de rematar, e destacou a excelente dotación dos talleres do Fórum, sobre todo pola posibilidade de dispoñer dos únicos simuladores que hai en Galicia.

O alumnado de soldadura colaborou co de carpintería elaborando as pezas metálicas dos novos bancos de madeira que están a instalarse na Praza do Concello e na rúa Martín Herrera. O delegado e o xefe territorial louvaron o traballo realizado polos mozos e mozas, que ademais fabricaron mobles de estantes para o centro social de Ardaña e un aparador retro para a Escola de Hostalaría. Esta última peza foi tamén moi admirada durante o aperitivo que os alumnos e alumnas do curso de Servizos de bar e restaurante ofreceron ao remate da visita.

Compartir: