Inicio Carballo ao día Hemeroteca A tramitación de licenzas no primeiro...

A tramitación de licenzas no primeiro trimestre reflicte que se mantén a intensa actividade empresarial do 2017

O ano pasado bateuse un récord en canto a permisos para construción de naves, pero tamén en número de comunicacións previas de inicio de actividades comerciais

Martes 3 de abril do 2018 Carballo ao día

o polígono industrial de Bértoa a actividade urbanística é continuada

o polígono industrial de Bértoa a actividade urbanística é continuada

A intensa actividade empresarial que se rexistrou o ano pasado no noso concello, como se desprende do número de licenzas solicitadas tanto para naves industriais como para apertura de negocios, mantívose no primeiro trimestre deste ano.

O 3 de xaneiro a Xunta de Goberno Local aprobou a primeira licenza de obra do ano para unha nave no polígono de Bértoa, pero desde esa data non só se seguiron aprobando novos proxectos, senón que a través do Rexistro de Entrada do Concello presentáronse solicitudes para 6 máis. No ano 2017 acadáronse as 24 peticións, a cifra máis alta polo menos dos últimos 15 anos. Cada vez queda menos solo dispoñible no parque empresarial, a venda de parcelas a través de Xestur continúa liderando o mercado galego, e o ritmo de construción tamén é moi elevado.

O alcalde, Evencio Ferrero, continúa insistindo na necesidade de acometer a ampliación do polígono. De feito, o desenvolvemento dos dous sectores previstos no proxecto inicial, e nos que Xestur xa ten a propiedade de parte do solo, foi unha das cinco cuestións estratéxicas que lle trasladou ao presidente da Xunta durante a entrevista que mantiveron a finais de febreiro.

Negocios e vivendas

Ao mesmo tempo mantense un ritmo moi elevado de apertura de negocios. O ano pasado presentáronse no Concello de Carballo 108 comunicacións previas de inicio de actividade, a cifra máis alta desde a implantación deste modelo de tramitación, que veu substituír ás antigas licenzas para actividades inocuas e molestas ou, máis recentemente (anos 2011-2012), sometidas ou non a avaliación ambiental. Desde o cambio de criterio a cifra máis alta foran as 64 solicitudes do ano 2015, e nos tres primeiros meses deste 2018 xa foron 26, polo que, de manterse este ritmo, practicamente se acadaría a cifra récord do ano pasado.

O que non acaba de arrancar é o sector inmobiliario residencial, aínda que no 2017 tamén se experimentou un incremento con respecto aos anos anteriores, con solicitudes de licenza para 35 vivendas unifamiliares, a cifra máis alta desde o 2011. No primeiro trimestre do 2018 rexistráronse 5 novas peticións.

Compartir: