Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña municipal de...

A INICIATIVA PRESENTOUSE NO CEIP XESÚS SAN LUÍS ROMERO

A campaña municipal de sensibilización sobre a auga chega tamén aos centros educativos

Nenos e nenas de segundo curso de Primaria participarán no concurso de debuxo “Ruíns coa auga” para detectar os principais produtos contaminantes e tratar de evitalos

Venres 6 de abril do 2018 Carballo ao día

Organizadores, profesorado e alumnado do CEIP San Luís Romero, cos personaxes OK e KO

Organizadores, profesorado e alumnado do CEIP San Luís Romero, cos personaxes OK e KO

Sabes cales son os principais causantes da contaminación da auga? Hai 12 categorías, e todas, absolutamente todas, inclúen produtos que utilizamos a diario nos nosos fogares: envoltorios de papel e plástico, refugallos de comida, produtos de hixiene persoal, medicamentos e apósitos; pinturas, disolventes e pegamentos; lixivias, amoníacos e pesticidas; aceites de cociña ou vehículos e outros refugallos mecánicos, xabóns e deterxentes, tecidos e algodóns, cigarros e mistos, cascallos e animais.

Para empezar a concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre o perigo que supoñen todos estes axentes contaminantes para a auga e para o medio ambiente, a empresa concesionaria do ciclo da auga, Gestagua, e o Concello de Carballo veñen de poñer en marcha un concurso de debuxo para escolares que vén reforzar todas as medidas de sensibilización sobre a auga promovidas nos últimos meses.

A iniciativa vai dirixida ao alumnado de segundo curso de Primaria, e presentouse este xoves no CEIP Xesús San Luís Romero, coa participación de representantes do colexio, de Gestagua e do Concello.

Os "ruíns coa auga"

Representantes de Gestagua, o alcalde e a directora do centro presentaron a iniciativa

Representantes de Gestagua, o alcalde e a directora do centro presentaron a iniciativa

Benigno López, xefe de explotación da empresa concesionaria, explicoulles aos rapaces e rapazas que o obxectivo é que plasmen nos seus debuxos a eses contaminantes, os “ruíns coa auga”, a modo de monstros, “para que saibades que cousas non poden tirarse polo inodoro porque son malas para a auga”. Os nenos e nenas contarán coa axuda de dúas personaxes chamadas KO e OK, creadas especificamente para esta campaña, que servirán para que tomen conciencia da importancia que teñen para o medio ambiente as pequenas decisións cotiás.

KO e OK son personaxes inspiradas en dous animais en perigo de extinción a pesar das súas marabillosas capacidades, un de rexenerarse e o outro de confundirse co contorno, para aprender con eles a pensar dúas veces as cousas para entender a nosa influencia no contorno. Dúas personaxes que veñen da auga doce e salgada, un orixinario de un lugar moi concreto e o outro presente en todos os mares para comprender como podemos salvalos e, de paso, a nós mesmos.

Aínda que a proposta presentouse no CEIP San Luís Romero, participarán os nenos e nenas de 2º de Primaria de todos os colexios do municipio. En cada centro elixiranse 12 finalistas, que participarán nunha excursión, e haberá un gañador ou gañadora que levará un premio especial.

O alcalde, Evencio Ferrero, insistiulles aos escolares na importancia de mirar moito o que se tira polos desaugues, e lembrou que na depuradora aparecen “moitísimos paus de caramelos, bastonciños, toalliñas ou cueiros de bebés. Hai que procurar –recalcou- que á auga vaia só o que é propio da auga”. Nese sentido, o alcalde destacou a importancia de coidar os nosos ríos.

Compartir: