Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicadas as obras de renovación dos...

Adxudicadas as obras de renovación dos servizos, acabado superficial e xardinería que transformarán por completo a rúa Río

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe, ademais, convenios con varias entidades deportivas

Luns 9 de abril do 2018 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa xuntanza de hoxe un deses proxectos que marcan un antes e un despois, como nos deixan entrever as recreacións realizadas polo arquitecto. A rúa Río será obxecto nos vindeiros meses dunha renovación integral que afectará a todos os servizos e ao acabado superficial.  As obras, incluídas no plan provincial POS+2017, serán executadas pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras S.L. cun orzamento de 156.582,18 euros.

A rúa Río, paralela á Fomento e moi próxima ao río Anllóns, presenta na actualidade numerosas carencias. A simple vista a que máis chama a atención son as beirarrúas, das máis estreitas de Carballo; pero debaixo da superficie as canalizacións de abastecemento de auga e saneamento son de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía son aéreas. Coa actuación prevista serán substituídas as redes de auga e saneamento, realizaranse as acometidas aos 24 solares da rúa, e tamén se canalizarán as pluviais. Ademais instalaranse soterradas as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas, e colocaranse 9 puntos de luz.

Polo que respecta ao tratamento en superficie, a rúa Río será semipeonil, en plataforma única, con distintos pavimentos de granito para a zona de circulación rodada e as peonís. Ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade peonil e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores e o axardinamento.

Convenios deportivos

Na Xunta de Goberno Local, por outra banda, foron aprobados convenios de colaboración con entidades deportivas para a organización de distintos eventos que contribúen á promoción do deporte e á proxección exterior do noso concello.

Deste xeito, as Escolas Balonmán Xiria recibirán 4.500 euros para o Carballo Handball Festival; Atletismo Carballo contará con 2.500 euros para a Carreira solidaria de dous en dous; o Bergantiños Fútbol Club disporá de 30.000 euros para a participación en competicións deportivas federadas, e as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz percibirán 8.000 euros para o XIV Torneo F7 alevín Concello de Carballo.

Outros asuntos

En materia urbanística, a Xunta de Goberno Local aprobou, entre outras, unha licenza para unha nova nave no parque empresarial de Bértoa.

Así mesmo, fóra da orde do día foron aprobadas outras propostas, como o programa Primavera enDanza, a participación na Rede Cultural da Deputación da Coruña, as actividades incluídas no XX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, as bases da convocatoria de axudas para entidades sociais e as de participación en Carballo por Etapas.

Compartir: