Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, A Laracha e Arteixo analizan...

EVENCIO FERRERO, JOSÉ MANUEL LÓPEZ E CARLOS CALVELO REUNÍRONSE HOXE NA LARACHA

Carballo, A Laracha e Arteixo analizan estratexias conxuntas para potenciar o desenvolvemento industrial

Os alcaldes apostan por este este eixo industrial como emprazamento do centro loxístico do porto exterior de Punta Langosteira

Martes 10 de abril do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero, José Manuel López e Carlos Calvelo, na rolda de prensa posterior á xuntanza

Evencio Ferrero, José Manuel López e Carlos Calvelo, na rolda de prensa posterior á xuntanza

Os alcaldes da Laracha, José Manuel López Varela; Arteixo, Carlos Calvelo, e Carballo, Evencio Ferrero, mantiveron hoxe na sala de xuntas da Laracha unha reunión de traballo na que analizaron diferentes cuestións que afectan aos tres municipios e para as que os rexedores consideran que se deben adoptar estratexias conxuntas co propósito de favorecer o seu desenvolvemento.

O alcalde anfitrión, José Manuel López Varela, avanzou que o “tema industrial” foi a cuestión principal das que se trataron na xuntanza, dado que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo é actualmente “a cabeza tractora da industria na provincia da Coruña polo que xa está implantado nos parques empresariais e polas novas iniciativas que están chegando”. Considera que para sacar o máximo partido ás posibilidades que ofrece na xeración de emprego e no desenvolvemento económico e social, os tres concellos deben traballar xuntos no estudo, análise, potenciación e busca de solucións en tres piares esenciais: a industria, a loxística e a formación.

Carlos Calvelo referiuse ao porto exterior de Punta Langosteira como o principal nexo de unión. O alcalde de Arteixo incidiu na necesidade da “creación dunha área loxística” que vincule aos tres municipios e que sexa unha oportunidade para dar resposta ás necesidades que presentará a curto prazo a citada infraestrutura de recente creación.

Evencio Ferrero defende que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo debe ser “o espazo loxístico do futuro” porque “os grandes investimentos públicos do porto exterior precisarán de grandes infraestruturas”

Evencio Ferrero incidiu na “importancia de compartir estratexias de futuro e ter unha visión conxunta do territorio”. Dado que nesta zona “se está a articular unha masa importante de desenvolvemento empresarial”, agarda que “outras administracións tamén compartan que o solo industrial é estratéxico e que os investimentos teñen un retorno”. O rexedor carballés concluíu afirmando que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo debe ser “o espazo loxístico do futuro” porque “os grandes investimentos públicos do porto exterior precisarán de grandes infraestruturas”.

Área metropolitana

Os alcaldes falaron tamén sobre a integración na área metropolitana da Coruña

Os alcaldes falaron tamén sobre a integración na área metropolitana da Coruña

Outra das cuestións tratadas na xuntanza foi a posible integración da Laracha e de Carballo na área metropolitana da Coruña. Para López Varela sería beneficiosa para a mobilidade de persoas e mercadorías e tamén pola suma de cidadáns que se aportaría ao conxunto de municipios que bordean a cidade da Coruña. Carlos Calvelo foi tallante afirmando que “Arteixo non estará nunha área metropolitana sen A Laracha e Carballo porque é clarísimo o seu potencial industrial”.

Os tres rexedores coincidiron en valorar de xeito moi positivo esta reunión, que “será a primeira de moitas”, e en destacar a sensibilidade coa que se analizaron os temas a tratar e o compromiso de traballar xuntos para atopar a mellor solución ás demandas e necesidades que se presenten, xa que por riba de todo está o benestar dos veciños.

Compartir: