Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha morea de coñecementos e...

Unha morea de coñecementos e emocións encheu o 1º encontro interxeracional entre o Horto Infantil e o Centro de Día

Nenos/as e maiores compartiron experiencias e remataron a xornada cunha merenda preparado polos/as usuarios/as do centro da Xunta

Mércores 11 de abril do 2018 Carballo ao día

Nunha iniciativa conxunta do Horto Infantil Ecolóxico Municipal e o Centro de Día que xestiona a Xunta de Galicia na Praza de Vigo, maiores e pequenos/as compartiron unha mañá moi entrañable. No primeiro encontro interxeracional, celebrado hoxe, afloraron unha morea de coñecementos e, sobre todo, de emocións.

Os alumnos e alumnas de 5º curso do CEIP Fogar tardaron un pouquiño en arrancar, pero en canto o fixeron bombardearon aos usuarios e usuarias do Centro de Día con todo tipo de preguntas sobre a súa infancia e mocidade. Quixeron saber, por exemplo, a que idade empezaran a traballar, e as respostas deixáronnos moi sorprendidos, porque algúns non eran maiores ca eles cando empezaron.

Os tempos cambiaron, e os labores agrícolas tamén. Por iso, unha das primeiras actividades que fixeron, dirixidos polo coordinador do Horto, Manuel Anxo Pardiñas, foi unha pequena recreación. Os e as maiores foron explicando como se traballaba co arado de madeira e as vacas, e os e as nenas representaron ese traballo.

Ao remate, despois dunha amena e interesante conversa polas dúas partes, pequenos/as e maiores compartiron unha merenda preparada polos propios usuarios e usuarias do Centro de Día. De feito, esta experiencia serviulles para realizar outras actividades complementarias. Unha delas foi saír a facer a compra e outra consistiu na elaboración de flores de papel coas que agasallaron aos pequenos e pequenas.

Pero ademais de promover novas actividades no Centro de Día e de fomentar as relacións interxeracionais, o encontro de hoxe cumpriu outros obxectivos. Así, serviu como escusa para que os nenos e as nenas coñezan como foi a infancia e a mocidade dos/as maiores, propiciou a participación e a conversa tanto por parte do alumnado do Fogar como dos/as usuarios do Centro de Día e permitiu que os nenos e nenas coñecesen a parte social da agricultura, de cando o traballo do campo realizábase de maneira comunitaria no lugar.

Uns e outros despedíronse emocionados, satisfeitos e con ganas de máis. E haberá máis, porque o Centro de Día acollerá en maio outro encontro interxeracional con alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero.

Compartir: