A cidadanía toma a palabra no deseño da Infraestrutura Verde da Área da Coruña
A veciñanza dos municipios de Carballo e A Laracha está convidada a participar o vindeiro 26 de abril nun obradoiro para presentar propostas e opinións sobre o desenvolvemento sostible da comarca
Mércores 18 de abril do 2018 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas asistiron á presentación do proxecto da Infraestrutura Verde
O proxecto de deseño da Infraestrutura Verde da Área da Coruña, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Fundación Juana de Vega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, busca unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental na que se definirá unha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos.
Esta estratexia, que vén de ser presentada nunha xuntanza á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, marcará o desenvolvemento das accións de futuro en conservación e promoción das áreas de interese ambiental, ocio de natureza e xestión dos recursos propios da área da Coruña. A definición destes espazos ambientalmente estratéxicos servirá de base para a concreción de actuacións como corredores ecolóxicos en canles fluviais, prácticas agroecolóxicas en zonas agrícolas, ecoaldeas, proxectos de mellora paisaxística e ambiental, melloras na xestión da auga, creación de bosques en ámbitos degradados, planificación de zonas de inundación, espazos verdes urbanos eficientes no uso de recursos e con funcións ecolóxicas, entre outras. Pódese consultar máis información na páxina web www.infraestruturaverdecoruna.gal ou no tríptico divulgativo que pode descargarse ao final desta nova.
Buscando integrar as ideas e propostas da poboación nesta estratexia están a desenvolverse obradoiros de participación pública polos diferentes concellos do ámbito da iniciativa, entre os cales figura o de Carballo xunto a outros da comarca de Bergantiños. Estes talleres, que complementarán ás entrevistas que se están a levar a cabo aos alcaldes e responsables dos gobernos municipais, estarán abertos a todas as persoas interesadas, e axudarán a realizar unha diagnose da situación actual da área e a recoller proposicións e opinións, ademais de informar e fomentar a implicación e interese pola iniciativa entre a poboación.
No noso caso haberá un obradoiro conxunto para Carballo e A Laracha que se celebrará o vindeiro 26 de abril, ás 18.30 horas, no Fórum Carballo. O programa é o seguinte:
- 18:30 - 18:40 h. Presentación obradoiro
- 18:40 - 18:45 h. Visualización do vídeo de difusión da Infraestrutura Verde de Galicia
- 18:45 - 19:00 h. Charla divulgativa centrada na situación actual e os obxectivos, na que se abordarán os seguintes temas:
- Problemas do medio ambiente e a súa importancia na actualidade.
- Que é unha infraestrutura verde?
- Obxectivos da Infraestrutura Verde da área da Coruña
- 19:00 – 19:15 h. Cuestionario caracterización asistentes
- 19:15 – 20:00 h. Traballo en grupo de identificación de núcleos e corredores verdes sobre plano de cada concello. Debate.
Esta iniciativa de participación aberta a toda a sociedade pode resultar de especial interese para todo tipo de axentes: agricultores/as e propietarios/as forestais, comerciantes, traballadores/as da construción, industria e servizos; mozos/as, xubilados/as, persoas dedicadas ás labores do fogar, responsables políticos/as, entidades sociais, etc...