Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras de reurbanización da rúa...

As obras de reurbanización da rúa Montevideo estarán listas antes do San Xoán

Evencio Ferrero e Luis Lamas puideron comprobar a boa marcha dos traballos, que inclúen a renovación de todos os servizos urbanísticos e a mellora da accesibilidade

Mércores 25 de abril do 2018 Carballo ao día

Despois de pouco máis dun mes de traballo, as obras de reurbanización da rúa Montevideo marchan a moi bo ritmo, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Se os traballos continúan como ata agora, a empresa que está a executalos, Construcciones López Cao, prevé que a actuación quedará rematada a primeiros de xuño. De feito, as canalizacións dunha banda xa están listas e xa se está traballando no outro lado.

A rúa Montevideo, situada no barrio da Braña, atopábase nun estado de deterioro importante, tanto no que respecta á superficie coma aos servizos básicos de subministro. Por iso, o proxecto foi concibido don dous obxectivos: renovar ou instalar todas as canalizacións e mellorar a accesibilidade.

Ata agora, a rúa contaba cun colector unitario para as augas pluviais e residuais, con pozos de rexistro nun estado deficiente; rede de abastecemento de auga de fibrocemento, cobertura parcial de telecomunicacións, cableado aéreo e luminarias nas fachadas, e rede de baixa tensión nunha marxe e incompleta. Todas estas deficiencias quedarán solucionadas, xa que o proxecto inclúe rede separativa de pluviais e residuais, así como as acometidas aos edificios; a substitución da rede de auga de fibrocemento; a ampliación das redes de telecomunicacións, electricidade e alumeado público ás dúas marxes e a toda a rúa. A iluminación realizarase mediante catro báculos coas súas respectivas luminarias.

O investimento acada os 123.904 euros, financiados con cargo ao plan POS+. Ademais de mellorar os servizos, a rúa Montevideo tamén gañará en accesibilidade grazas a un acabado moi semellante ao das rúas Ponte ou Xúpiter. Será de plataforma única e contará con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se inclúen pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical. O proxecto afecta tamén ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, actualmente moi deteriorado.

Compartir: