Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xunta e Concello farán un seguimento da...

XA ESTÁ VENDIDA MÁIS DO 75% DA SUPERFICIE

Xunta e Concello farán un seguimento da ocupación do polígono para evitar que Carballo esgote o solo industrial

Evencio Ferrero mantivo hoxe unha reunión con responsables de Xestur e do Instituto Galego de Vivenda e Solo

Mércores 25 de abril do 2018 Carballo ao día

Na fase do polígono industrial de Bértoa desenvolvida por iniciativa pública xa está vendido máis do 75% do solo. Carballo lidera desde xa fai tempo todos os procesos de compra-venda de parcelas promovidos por Xestur. No último foron adxudicados outros 44.050 metros cadrados, o que reduce cada vez máis as posibilidades para as empresas interesadas en implantarse no noso concello.

Con estes e outros datos recompilados pola Oficina Técnica Municipal, o alcalde desprazouse hoxe pola mañá á Coruña para reunirse con responsables de Xestur e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), os entes promotores do desenvolvemento do solo empresarial en Galicia e que, no caso de Carballo, contan xa coa titularidade de boa parte dos terreos que abranguería as seguintes fases do polígono.

“Está a producirse un goteo continuo de venda de parcelas e hai empresariado que segue preguntando por parcelas, o que nos obriga a actuar antes de que se esgote o solo industrial”, apuntou Evencio Ferrero. En Xestur e o IGVS son conscientes tamén desa situación e da necesidade de intervir nese sentido. Con ese obxectivo, na xuntanza de hoxe acordouse realizar un seguimento “exhaustivo” da actividade no parque empresarial de Bértoa para que Carballo “non chegue a esgotar o solo industrial sen desenvolver as outras fases do polígono”.  Con esa finalidade quedou concertada unha próxima xuntanza para despois do verán, aínda que en caso de necesidade convocaríase previamente en calquera momento.

Carballo, un polo de atracción de empresas

O polígono industrial de Bértoa está dividido en dous sectores: un de iniciativa privada, practicamente esgotado desde fai tempo, e outro de iniciativa pública que ten unha superficie de 458.619 metros cadrados. Nestes momentos xa están ocupado ou vendido máis do 75%. O prezo do solo, con bonificacións do 50% por parte de Xestur; as bonificacións de ata o 95% no ICIO, IBI e IAE establecidas polo Concello de Carballo así coma outras medidas de apoio tanto á creación de empresas coma á contratación de persoal, a existencia no noso concello de importantes empresas locomotora e a estratéxica situación de Carballo, moi próxima ao porto exterior, converten o polígono de Bértoa nun emprazamento moi apetecible para as empresas, un factor que desde o Concello de Carballo trata de potenciarse como un elemento fundamental para a promoción da economía e o emprego no concello.

Compartir: