Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación da Coruña aproba o...

A ACTUACIÓN ABRANGUE DESDE O FINAL DA 1ª FASE ATA A RÚA NACENTE

A Deputación da Coruña aproba o proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo para iniciar o procedemento de contratación

O organismo provincial financiará os 818.662,08 euros que custará a execución da obra e o Concello de Carballo asumirá, unha vez realizada, a titularidade da vía

Venres 27 de abril do 2018 Carballo ao día

A Deputación Provincial aprobou hoxe en pleno, por unanimidade, o proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo, que abrangue entre os quilómetros 0,290 e 0,802, desde o remate da primeira fase ata a rúa Nacente, pola que se accede ao IES Monte Neme. É o treito máis urbano da vía e levará o mesmo tratamento que a primeira fase, con plataforma única e, sobre todo, coa renovación de todos os servizos urbanísticos.

O acabado da segunda fase será moi semellante ao da primeira

O acabado da segunda fase será moi semellante ao da primeira

O proxecto elaborado polo Concello de Carballo e aprobado previamente polo pleno da corporación municipal no pasado mes de febreiro prevé unha transformación radical que solucionará as carencias e deficiencias dos servizos urbanísticos. Deste xeito, haberá novo alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada; novas canalizacións de telefonía e cable onde non existe, rede separativa de augas pluviais e residuais e tamén unha moderna rede de abastecemento que evitará as avarías. En superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida das Flores.

O prazo de execución é de 12 meses e o obxectivo é que a obra contribúa ao desenvolvemento urbano nese ámbito tendo en conta as condicións de accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e mobilidade sostible e segura.

Agradecementos do alcalde

O orzamento acada os 818.662,08 euros, que serán financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. Nese sentido, o alcalde expresou o agradecemento do goberno municipal a institución provincial e, en concreto, a José Manuel Pequeño, Valentín González Formoso e Xosé Regueira, “tres persoas que tiveron un protagonismo importantísimo para resolver este problema”. De feito, Evencio Ferrero lembrou que a mellora da travesía de Sísamo é un obxectivo que xa se marcaron os anteriores alcaldes e que non puido facerse realidade ata agora.

A Deputación tamén se encargará da contratación da obra, mentres que o Concello de Carballo comprométese a xestionar os terreos precisos para a súa execución e a asumir a titularidade da vía unha vez urbanizada. Os servizos técnicos municipais están a traballar nas propostas de adecuación das vías que se utilizarán de xeito alternativo durante a execución das obras, o mesmo tempo que preparan o proxecto para a terceira fase, que completará a travesía ata a zona da igrexa de Sísamo, e que está previsto acometer a continuación.

Compartir: