Inicio Carballo ao día Hemeroteca No que vai de ano lévanse tramitado...

PLENO ORDINARIO

No que vai de ano lévanse tramitado bonificacións do ICIO por máis de 30.000 € para facilitar a implantación de empresas

A corporación municipal abordará hoxe tres solicitudes para novos proxectos no polígono de Bértoa

Luns 30 de abril do 2018 Carballo ao día

O polígono industrial de Bértoa ten cada vez máis actividade

O polígono industrial de Bértoa ten cada vez máis actividade

Entre os primeiros asuntos que abordará na súa xuntanza de hoxe a corporación municipal figuran as solicitudes de bonificación do ICIO presentadas por tres empresas para a súa implantación no polígono industrial de Bértoa. Neste caso trátase dunha nave destinada a taller de reparación de automóbiles, outra para taller de mecanizados e unha terceira para oficinas e almacén de empresa de construción, co que se elevan a cinco as tramitadas este ano. O importe total subvencionado polo Concello de Carballo supera os 30.000 euros.

O importe do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras calcúlase en función do investimento que realizan as empresas. No pleno de marzo a corporación aprobou cadansúa bonificación do 95% para a posta en marcha da estación de servizo Galibertoa S.L., que ten un orzamento de 346.000 euros, e para as novas instalacións de Herfraga, unha empresa histórica que se trasladará do centro urbano ao parque empresarial cun proxecto que rolda os 600.000 euros. Para acadar o 95% de desconto abonda con superar os 180.000 euros de investimento e garantir polo menos unha contratación. Nestes casos, en vez de 8.650 e 15.000 euros, Galibertoa e Herfraga pagarán, respectivamente, 432,5 e 750 euros.

En canto ás propostas que abordará hoxe a corporación, os investimentos declarados polas solicitantes acadan os 188.590,99 euros no caso do taller de reparación de automóbiles; os 181.000 euros, no taller de mecanizado, e os 92.450 euros, na empresa de construción. Nos dous primeiros casos as bonificacións acadarán, polo tanto, o 95%, de xeito que en vez de 4.714,77 e 4.525 euros pagarán, respectivamente, 235,73 e 226,25. No caso da empresa de construción a rebaixa será do 60%, xa que non acada o investimento mínimo para o 95%, e pagará 924,5 euros en vez dos 2.311,25 que lle corresponderían, en función da ordenanza municipal.

O resto dos asuntos que debaterán os grupos políticos no pleno ordinario de abril poden consultarse aquí.

Compartir: