Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rexeitadas as tres mocións conxuntas...

Rexeitadas as tres mocións conxuntas presentadas polos grupos da oposición no pleno ordinario de abril

As bonificacións no ICIO a tres novas empresas que se instalarán no polígono industrial de Bértoa acadaron a unanimidade da corporación

Mércores 2 de maio do 2018 Carballo ao día

Ao pleno do luns faltaron Xosé Regueira e Andrés Eirís

Ao pleno do luns faltaron Xosé Regueira e Andrés Eirís

As tres mocións presentadas conxuntamente polos partidos da oposición foron rexeitadas no pleno ordinario de abril, no que houbo dúas ausencias: a de Xosé Regueira no grupo municipal do BNG e a de Andrés Eirís no de Terra Galega.

PP, TeGa e PSOE solicitaban, en primeiro lugar, que se mantivese o ancho da vía que enlazará a Vila de Negreira coa igrexa de Bértoa segundo o previsto no PXOM. O goberno municipal argumentou que a modificación prevista, que só afecta ao treito de vía que atravesa solo rústico, foi proposta polos técnicos municipais para manter o ancho precedente. A vía arranca con 18 metros, despois redúcese a 16 e, de manterse a proposta da oposición, pasaría a 20 en solo rústico para rematar con 14 na zona da igrexa. Os técnicos entenden que nese ámbito de solo rústico deben manterse os 16 metros, que ademais serían suficientes para habilitar dous carrís, zona peonil, carril bici e arborado. Esa é a solución que defende o executivo do BNG, que, ademais, persigue outro obxectivo: darlle saída á rúa ata a estrada comarcal, algo que non prevé a outra alternativa.

Esa é unha das modificacións puntuais ás que se referían os grupos da oposición noutra das mocións, na que pedían a convocatoria da comisión de urbanismo para explicalas. O goberno entende que esas explicacións xa se deron por parte dos servizos técnicos municipais na comisión previa ao pleno, porque foron precisamente os técnicos os que propuxeron realizar as modificacións para adaptar determinadas cuestións do PXOM ao traballo diario do servizo de urbanismo. O alcalde lembra que o plan do 2003 foi obxecto de 21 modificacións puntuais, e a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, apunta que a tramitación que se está a realizar agora é exactamente a mesma que cando tiñan as competencias de urbanismo o PSOE ou Terra Galega.

En canto á terceira iniciativa conxunta, relativa á regulación mediante bolardos do acceso ás rúas de acceso restrinxido, o goberno municipal defende que o funcionamento é correcto malia que e produza algún problema puntual, e que tamén garanten a seguridade neses ámbitos, aínda que seguirá traballando para mellorar a súa sinalización.

Outros asuntos

As bonificacións no ICIO a tres empresas que se instalarán no polígono industrial de Bértoa foron aprobadas por unanimidade. Tamén saíu adiante, neste caso coas abstencións dos grupos da oposición, unha modificación orzamentaria por importe de 136.551,33 euros que van destinados a pagar unha parte da achega do Concello de Carballo á obra da senda peonil e ciclista de Bértoa.

Outros asuntos aprobados foron a conta de recadación do exercicio 2017, neste caso coas abstencións de populares e socialistas. Estes últimos tamén se abstiveron con respecto a un estudo de detalle no parque empresarial. Despois do debate das tres mocións foi aprobada a liquidación do orzamento do 2017, que se pechou cun remanente de tesourería de 9.322.897,52 euros e un superávit de 1.399.007,26 euros. O Concello de Carballo practicamente esgotou o seu teito de investimento, xa que cumpriu a regra de gasto por só 6.220,18 euros. Tamén se deu conta do informe de morosidade correspondente ao primeiro trimestre do ano, no que o Concello de Carballo realizou os pagos en 13,49 días de media.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas foron contestadas varias de TeGa que quedaran pendentes do pleno anterior e tamén as novas. Nesta ocasión interesáronse polo custe do novo mural do buzo, o uso dun vehículo da Policía Local, as sancións polo incumprimento da normativa sobre animais domésticos, un accidente nun pavillón, os retrasos nos pagos a provedores polo cambio de aplicación informática, a instalación de sinais acústicos en semáforos, o estado dunha serie de pistas da parroquia de Sofán, o proxecto para o Castrillón-Lema, o funcionamento dos bolardos ou as medidas tomadas ante a aparición da couza guatemalteca en Muxía.

O PP, pola súa banda, transmitiu queixas que lle fixeron chegar veciños da rúa Castro Sampedro de Bértoa e Fiúnchos, ademais de interesarse polo proceso de elaboración do plan especial de Pedra do Sal, o cumprimento da ordenanza de tenencia de animais, a mellora da iluminación pública, as subvencións a entidades sociais, o mantemento das instalacións deportivas, as condicións de traballo dos auxiliares de policía, o saneamento do Quinto, o cumprimento da lei de prevención dos incendios forestais ou distintos proxectos viarios.

Compartir: