Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras de eliminación de...

Avanzan as obras de eliminación de barreiras nos itinerarios do pedibús e nas contornas dos centros escolares

A 2ª fase da reurbanización do perímetro do coleio San Luís Romero empezará en breve e o proxecto do CEIP A Cristina será adxudicado na Xunta de Goberno do luns

Xoves 3 de maio do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras da rutas do pedibús

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras da rutas do pedibús

A mellora da seguridade na contorna dos centros escolares é un obxectivo prioritario para o goberno municipal de Carballo. Por iso, unha vez executada a primeira fase das obras de reurbanización do perímetro do CEIP Xesús San Luís Romero, xa está todo listo para completar o ámbito. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou recentemente o contrato coa empresa Construcciones López Cao, que será a encargada de darlle continuidade a un proxecto que ten un investimento total de case 400.000 euros e que nesta segunda fase permitirá acondicionar as rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello tanto no que respecta á instalación de servizos urbanísticos como á mellora da accesibilidade. O prazo de execución é de tres meses, polo que se intentará que a actuación coincida na medida do posible coas vacacións.

Pero a contorna do colexio Xesús San Luís Romero non é a única que mudará por completo. Na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns tamén está previsto adxudicar o proxecto de reurbanización da zona do CEIP A Cristina, á que se trasladará o modelo do San Luís Romero. As obras afectarán ás rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro, nas que tamén está prevista a instalación ou renovación de todas as infraestruturas dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e alumeado, que supoñen unha parte moi importante do orzamento, ademais dun tratamento en superficie con plataformas únicas, mobiliario urbano e axardinamento. O orzamento supera os 300.000 euros.

Onde xa se está a traballar nos últimos días é nas rutas do pedibús dos colexios Fogar e Bergantiños, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. O proxecto de rutas sen barreiras nos itinerarios peonís escolares ten un prazo de execución de 4 meses e un investimento de 106.238 euros, financiado con cargo ao PAI Adicional. Serán unha trintena de pequenas actuacións en cruces, vaos e pasos de peóns grazas ás cales as rutas escolares gañarán en comodidade e seguridade. No camiño do Bergantiños as obras realizaranse nas rúas Fábrica, Nicaragua, Costa Rica, Brasil, Cuba, Ponte da Pedra e Eduardo Pondal; mentres que no caso do Fogar afectarán ás rúas Alfredo Brañas, Vila de Corcubión, Reus, Vázquez de Parga e Gran Vía.

Compartir: